Esta escena de Black Mirror recorda inevitablemente ás paredes televisivas descritas por Bradbury en Fahrenheit 451. Canto tardaremos en queimar libros? |
Eis que onte —farto deste modelo desinformantivo—, sen querer, e logo de papar case dúas horas dunha película pasable de corte futurista e factura norteamericana, abrín o Facebook e atopeime cun vídeo de Galiza Ano Cero, verbo dun debate que tivo lugar no Culturgal a pasada semana. Nel interveñen: a crítica cultural Ania González (co-directora da revista dixital Plétora), Roi Fernández (de Extramuros, Espazo de Colisións Artísticas), Xabier Alonso (ex-director da Fundación Illa de San Simón) e Jose Manuel Sande (programador do CGAI) nunha conversa sobre: se a cultura e máis feble ca outros sectores (se está sendo maltratada pola administración), o sistema de axudas á creación e visibilización, a Cidade da Cultura (ese burato negro que enguliu as esperanzas de vida do tecido cultural galego) e a utilidade de foros como o Cuturgal.
Grosso modo, as diferentes intervencións permiten debullar a situación actual da creación artística galega, os seus problemas de subsistencia, precariedade, falta de apoio institucional, despotenciación; os erros cometidos por unha administración que non sabe ou non quere saber de xestión efectiva e profesional do eido cultural, a escena cultural galega, a súa situación e prospección de futuro...
O vídeo dura unha hora e vinte. Pero non é de consumición instantánea: poden paralo cando queiran, ir ao baño, ou ir traballar, ou ler un libro. Non está en alta definición, nin hai grandes focos, nin planos dende grúas; non sae Jordi Évole con Anxo Lorenzo, hai algo de background noise e as augas non están en copas; pero tampouco hai anuncios, nin absurdas intervencións de xente que non ten nin idea do que está a falar, nin un interese velado por vendernos algo ou facernos parvos.
É outra televisión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario