Un aveón (o que é meco para avión; "vas coma un
aveón", por exemplo) pasou polo pobo. Era un superman da guitarra. Eran, mellor dito. Andrés Herrera e Raúl
Fernández, a matriz que sostén Pájaro. 1200
quilómetros fixeron de estrada dende Sevilla.
Estes dous forasteiros anegaron o clube con música
influenciada polo afastado oeste de factura italiana, un spaguetti western que
a min, pola miña idade, me recordou a un tal Tarantino. A xeringas de
adrenalina. A mulleres enfundadas en chándales amarelos, katanas e enfermeiras
de parche no ollo. Rock and roll ao vivo coma non o escoitara antes nesta vila
e tan só con dúas guitarras.
Nacidos no barrio sevillano de Parque Alcosa, Andrés Herrera (1963) e Raulito Fernández (1975)
pertencen a dúas xeracións diferentes. Éste último, que comezou a tocar co
maestro con 18 anos, é o fillo dun gran amigo de Herrera e o seu talento permitiulle
facerlle de dobre en varias ocasións, cando Andrés non podía atender aos
diversos grupos nos que tocaba.
Coma ben dixo André Sánchez, dono do Twist & Shout,
Herrera é coñecido por ser "o que tocaba con..." pero dende que
presentou o seu álbum Santa Leone no
Monkey Week Festival, El Pájaro voa só con toda a forza e experiencia que este
monstruo da música leva ás costas. Triana, Los Chanclas, Pata Negra, Brigada
Ligera, Kiko Veneno, Silvio... son algunhas das bandas das que Andrés Herrera
foi parte. Trinta e cinco anos acompañando levouno a buscar o seu propio son e
o selo Happy Place Studio pariu un disco excelente que, segundo aseguraban
Andrés e Raúl, foi practicamente composto, gravado e producido no estudio.
Perchè
Se eu fora experto en música podería sen dúbida valorar máis
detallada e técnicamente este concerto, pero dende a miña humilde opinión diría
que a actuación de Pájaro foi enorme.
Foi directa, sen ornamentos innecesarios, íntima, intensa e chea de amor á
música. Non me lembrei de lle preguntar ao señor Herrera perchè lle chaman El Pájaro. Pero penso que foi evidente, pois
trinaba coma os paxaros que debe haber no Monte Parnaso do wild west.
A crise afectou e está a afectar á música ao vivo. Herrera,
que leva toda a vida intentando sobrevivir desta arte, así o confirma, pois
notaron unha baixada de actuacións nos últimos anos, o que está a dificultar
seriamente a súa profesión.
Pájaro volverá a O
Grove logo do verán coa banda ao completo. Promete ser incluso mellor do que
foi. Se cadra ata vou a Sevilla antes. Todos os domingos están en La Caja Negra facendo unhas jam sessions acompañados de grandes
músicos e coas portas abertas para que entre quen queira. Son a mostra de que
na capital andaluza faise máis que adorar a Virxe do Rocío.
Aquí vos deixo un par de videos da actuación coma evidencia do sucedido. Sinto o da
calidade pero foi improvisadamente gravado cun iMac.
No hay comentarios:
Publicar un comentario