Español
Un vía crucis delimitado por unha sucesión de doces cunchas de vieira, ora de chocolate, ora de galleta; un colecta-esmolas que as presenta; un altar que as preside e un retablo que esconde unha torta de Santiago; todos coidadosamente tratados sobre madeira e rodeados por un halo de luz case mística. Son os elementos que forman Políptico. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio, a reflexión de Enrique Lista (1977, Malpica de Bergantiños) verbo do triángulo que forman o patrimonio cultural, o patrimonio gastronómico e a industria do turismo.
Un vía crucis delimitado por unha sucesión de doces cunchas de vieira, ora de chocolate, ora de galleta; un colecta-esmolas que as presenta; un altar que as preside e un retablo que esconde unha torta de Santiago; todos coidadosamente tratados sobre madeira e rodeados por un halo de luz case mística. Son os elementos que forman Políptico. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio, a reflexión de Enrique Lista (1977, Malpica de Bergantiños) verbo do triángulo que forman o patrimonio cultural, o patrimonio gastronómico e a industria do turismo.
De como converter en 'líquido' o
simbólico; da práctica que aplica criterios de rendibilidade reservados á
produción industrial nun intento de
transformar entidades metafísicas en merchandising; do sfumato derivado que se produce entre as barreiras que diferencian o
cultural do industrial, o turístico do real; da creación dun parque temático
que disfrazan de viaxe espiritual. Son algunhas das reflexións que se poden
extraer de Políptico, unha exposición
comisariada pola licenciada en Belas Artes e Humanidades, María Marco (1979,
Vigo) e que foi o froito dun mestrado en Museoloxía e Crítica Contemporánea
dependente do CGAC.
Viño de Misa nun garrafón
Con referencias implícitas, en
forma e disposición, ao traballo de artistas coma Rirkrit Tiravanija, Vik Muniz, ou aos suízos Fischli & Weiss, esta mostra acollida na Zona 'C',
representa cinicamente a liturxia católica. Durante o día inaugural e tras os
discursos protocolarios, o artista, tras revelar a imaxe no retablo da torta de
Santiago (que permanecera oculta durante o comezo da xornada), oficiou unha
merenda cargada de ironía e reflexión ao deleitar aos asistentes, non só cos
doces expostos en forma de cuncha, senón tamén cun auténtico Viño de Misa que, amosou, pódese adquirir por 25 euros
(cinco litros) e vén nuns garrafóns de plástico; un exemplo que simboliza, ao meu parecer, o contedor industrial e
comercial que garda o sagrado e ascético líquido que molla as 'ostias'. Podería
ser como o sangue de Cristo nunha lata
de CocaCola. Elemento a nivel micro que elevado á enésima potencia se
mimetiza con outro paquete comercial como é o Xacobeo. A cidade como sangue
sagrada; o Xacobeo, como lata de CocaCola.
"Si llo pide o corpo"
Esta xornada gastronómica rematou
no recentemente inaugurado Kunsthalle,
nunha reflexión e anecdotario do artista verbo da comida, o seu simbolismo e os
mitos que a rodean. A destacar unha das frases que a avoa de Lista e que co seu
permiso e por afinidade, que non coherencia discursiva, menciono: ao ser ela
preguntada pola homosexualidade dixo "si llo pide o corpo". Collan
papel e lapis e apunten señores.
Agradecementos
Non quero rematar a entrada sen
agradecer a Paula Iglesias a súa colaboración como fotógrafa de CULTURADESEU, e
a hospitalidade e amabilidade de María Marco e de Enrique Lista de quen, en non
moito, teredes máis información na rede coa publicación de Plétora, unha revista dixital, editada pola comisaria de Políptico, que terá unha entrada propia
neste blogue e que se presentará no Furancho de Arte Contemporánea o 1 de Xuño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario