6.13.2012

Mutantes pletóricos + Bizarrada

Un proxecto auto-xestionado, libre, mutante e contemporáneo, que se suma a outros colectivos/publicacións/espazos que apostan ou representan a creación alternativa galega coma Alg-a Lab, FAC Peregrina, Summer Labs, El Halcón Milenario, ou Baleiro Lab; isto é Plétora, a revista dixital de arte contemporánea que naceu a comezos de Xuño e cuxa directora xa coñecedes de entradas anteriores: María Marco (1979, Vigo).


A palabra plétora como tal vén do grego πληθώρα, e hoxe en día (segundo a RAE) fai referencia ao exceso de sangue ou doutros líquidos orgánicos no corpo ou nunha parte del. É a abundancia en si mesma, e para María Marco pretende ser unha enerxía e un catalizador á vez. A enerxía é precisa para aguantar na rede e manter o proxecto. O catalizador quérese converter nunha ponte e nun punto de unión entre os creadores da escena contemporánea, xa non só galega, senón tamén máis aló das montañas e alén os mares.

Cholitas ás que lles vai a loita libre, xestas que cobran vida animada e visitan a Cidade da Cultura, cunchas de vieira moi doces, desexos de comunidade e alpinismo de trato máxico. Neste primeiro número de Plétora, ao que se lle adxudicou o 0, interveñen, por citar algúns: Vanesa Díaz Otero, Emanuela Saladini, Amaya González Reyes, Ania González, María Magán, Lois Patiño, Joan Morera...

Sairán ao ano tres edicións on-line, aínda que están a barallar a posibilidade de facer un número impreso anual. Será ista, a 0, a primeira que intentará ir, pouco a pouco, rematando coa falta de respecto que, segundo a directora Marco, se lle mostra na nosa sociedade á arte contemporánea; á que parece ser que aínda non se lle tomou de todo en serio, pois seguen a tratar o contemporáneo como mero produto anecdótico a mercé do mercado informativo, e sempre e cando se lle ocorra a alguén meter a Don Francisco Franco nunha neveira de Coca-Cola (¡viva Mediaset e a cultura casino!).

María Marco considera que esta minusvaloración da arte contemporánea se debe en parte a que en España saltáronse (por mor dunha ditadura, que non foi por antollo) moitas das fases precisas para chegar ao que hoxe se comprende coma arte contemporánea europea. "A arte tamén é educación", afirma a directora, "é arte relacional, de comunidade e de performance". Son, amongst otras, algunhas das claves de Plétora, que pretende saír da peza obxectual clásica, e amosar o que hai no outro lado, e facelo ademais en inglés, castelán e galego. Unha gozada.

Inauguración perdida
Por motivos laborais non puiden acudir á inauguración de Plétora o día 1 de Xuño no FAC Peregrina. Foi toda unha pena pois, ao parecer, asistiron todos, e máis, dos artistas e creadores que participan da primeira edición desta revista dixital; ata houbo unha actuación tremendamente interesante con Lúa Gándara (vestida de princesa), Juanma Lodo e Madamme Cell no que se deu en chamar Ópera Electrónica "Barroca" (que hai quen dixo que tiñan que ir de cabeza para o próximo Sónar).


Para que non vos enfadedes comigo por non ter documentos gráficos xa vos colguei as fotos que me pasaron os organizadores do debut e ademais, e como premio de consolación, subo un vídeo verbo da intervención de Diego Vites na Cidade da Cultura como "Ser Xesta" (cuxa crítica podedes atopar aquí). É unha bizarrada algo chapuceira (pola miña parte) pero quizais vos guste.


Abur. Stay tuned. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...