5.23.2012

'Amando' e odiando a arte


A relación entre o artista e a súas creacións está determinada polo binomio do amor-odio e por unha loita constante, de varios frontes, que require ás veces o atrincheiramento. É unha dialéctica convulsa entre o autor e o lenzo en branco. Entre o autor e si mesmo. Entre o autor, a súa obra e o espectador. Entre intereses alleos á creación, presións, supervivencia, correntes de creación e a vida cotiá. O comer e o beber. As frustracións, complexos e contrariedades. 
Ter, polo tanto, acceso a unha exposición que repasa corenta anos da produción artística dunha mesma persoa é unha fiestra aberta de par en par á intimidade e devir do artista en cuestión, e, en consecuencia, un reflexo persoal do contexto da súa creación. Unha historia á que podemos acceder nas instalacións do Furancho de Arte Contemporánea de A Peregrina.


Dende as primeiras exposicións en 1976 na olívica Praza da Princesa, cun grupo de artistas cos que compartiu cartaz pero do que foi excluído posteriormente por ter un traballo non ligado á creación artística, Amando González (Vigo, 1951) leva máis de corenta anos dialogando e creando discurso artístico. As súas vacas son unha mostra sincopada de dous momentos persoais e temporais diferentes relatados polo uso da cor e a pincelada. Se ben na década dos oitenta estes vacúns realizados sobre os cartóns da enciclopedia Espasa, mostran experimentación, ilusión e un intento de expresión ordenada da psyché, as realizadas no 2011 mostran complexidade, hermetismo e a perda da inxenuidade. Son, ao meu parecer, o relato de dous momentos da historia: a efervescencia tras a represión e o escepticismo derivado da explosión da burbulla do benestar. Esta última fase ten a súa máxima expresión nos autorretratos situados no cubo branco do Furancho, catro obras moi persoais, situadas logo de dúas pinturas pertencentes á época na que Amando, tras cinco anos sen pintar, plasmaba o que vía pola fiestra.


Particular interese motivan os seus acrílicos con carbón vexetal sobre lenzo. O 'Por la mañana' que inclúe a súa recorrente taza de café, as mans do 'Saludo' e a 'Absolución', ou a cabeza cortada sobre un prato son os anacos da realidade vista por un Amando máis mozo; simples en forma pero complexos e cargados de significado.



Microfisuras e a liberdade de exposición
O compromiso de Amando por contribuír na creación de discurso artístico quedou comprobado con Microfisuras, unha revista-libro da que foi fundador e editor durante máis de cinco anos; un periplo ariscado que tivo que rematar lamentablemente pola falta de financiamento, e cuxa última edición, coma as vacas realizadas no 2011, está tinguida de negro, o chapapote da marea do Prestige. Vinte números que contaron con colaboradores coma Uxío Novoneyra, Raúl Eguizabal, Kevin Power, Jean Baudrillard, Francisco Jarauta, Ignacio Castro e tantos outros artistas e pensadores da nosa era.
Na mesma mesa onde se atopan os Microfisuras, poderemos recorrer coa axuda dos responsables do F.A.C. a biografía de Amando González. Os lugares nos que foi publicado e mencionado e aqueles que o ignoraron. Incluso hai unha axenda persoal cargada de debuxos, de anacos de intimidade.

Non me foi posible asistir ao día da inauguración por motivos laborais e polo tanto non puiden acudir á charla que deu in situ o propio artista, onde relatou os motivos polos que moitas das obras expostas foron creadas. Porén deixo aquí a miña impresión do que puiden ver grazas a hospitalidade dos peregrinos fac'ers.
Máis pezas forman parte desta sincopa das obras de Amando, como as fotos que foron proxectadas no remolque refrixerador situado no anaco de monte tras a casa d'A Peregrina; unha delas, segundo me dixo Ania González, mostra a Amando espido, no chan do seu estudio, rodeado de numerosos cadros de factura propia.
'Amando; A Pintura Toda; Unha Historia' foi parte dun dos F.A.C. Express, se o perdestes non vos queixedes, será por non vos ter avisado (colgarei máis fotos no facebook de culturadeseu). Porén este inusual furancho segue a ser unha cita ineludible para os que botan de menos a liberdade de exposición sen condicións.

2 comentarios:

  1. Hola Manu:
    Gracias por fijarte en mi trabajo.
    Lo que cuentas en tu blog debe quedar claro que son impresiones tuyas. Una cosa es lo que tú 'ves' al ponerte delante de mi obra; otra, y bastante diferente, es lo que realmente las motivó. También para algunos hechos de mi biografía das algunas explicaciones realmente sorprendentes. Sí, fue una pena que no escuchases lo que sobre mi trayectoria dije ese viernes pasado en el FAC.
    Repito: gracias por fijarte en mi obra.
    Amando

    ResponderEliminar
  2. No tengo mayor pretensión que escribir y, de ser posible, que me lean. Normalmente, y dado que no soy experto, no suelo profundizar mucho en el análisis ni especular, pero tu obra me inspiró y no pude reprimirme. Me gustaría haber estado allí y poder haber escuchado los motivos reales. La mía, no es más que la opinión indiscreta de un espectador amateur. Un saludo y gracias a ti.
    Manuel

    ResponderEliminar



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...