9.28.2014

A tiranía da audiencia

Durante unha conferencia realizada en Santiago de Compostela, o xornalista Iñaki Gabilondo dou conta da necesaria distancia que deben manter os medios de comunicación dos aparatos de comunicación e propaganda política.

Tras a súa intervención, considerei oportundo realizarlle unha pregunta en relación a esta necesaria distancia, mais a respecto do poder económico, e, tamén, cara a audiencia. Por esquecemento, ou omisión só respondeu á primeira parte da pregunta, se ben, o que se vén chamando dende hai tempo, tiranía da audiencia, pode ser a controvertida chave que remate dunha vez por podas cas posturas relativistas verbo da pertinencia ou non de certo tipo de programas televisivos que copan as mañás, tardes e noites dun enorme segmento da poboación.

De forma clara, e concisa, expón o problema a filósofa barcelonesa Victoria Camps:
«Las masas, esas aglomeraciones informes que trajo consigo la industrialización, han
acabado por asumir un papel aparentemente alejado de las hipotéticas rebeliones que se
auguraban. Hoy las masas son audiencia. Telespectadores, radioyentes y eventuales
compradores -no me atrevo a decir lectores- de prensa variada. Por definición, la audiencia no es rebelde: es sumisa y dócil. Se limita a escuchar, a ver o a leer lo que le pongan delante. Pero también es libre de cambiar de canal o de emisora, de dejar de comprar el periódico o el semanario si le desagradan o se aburre con ellos. La audiencia, ciertamente, es pasiva, pero no menos poderosa. Su respuesta no pasa desapercibida. Se la ausculta minuciosamente para confeccionar los inevitables rankings que funcionan a modo de termómetro que establece el diagnóstico preciso: ésto gusta más y aquello menos. O sea: ésto es mejor que aquello, hay que seguir dando más de ésto y menos de lo otro. La audiencia prescribe lo que debe ser hecho, dicho o escrito en los medios de comunicación de masas. Si es cierto que no existe lo que no aparece en los periódicos o en televisión, no lo es menos que no vale lo que no es capaz de mantener atenta y fija en su asiento a la audiencia. La audiencia es la medida del valor.»
[Ler o resto do editorial]
228 

9.27.2014

Nace o IGAPA

O Ministerio Federal de Asuntos do Movemento da República de Austria (BMfB) asinou ás actas de fundación do Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA) en presencia da comunidade profesional na Sala do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporanea (CGAC), no marco do ciclo de artes vivas no museo De Corpo en Lugar.

Asistiron Miguel von Hafe (membro da comunidade cultural galega), D. Meinhard Rauchensteiner (Delegado do BMfB e Conselleiro de Ciencia, Arte e Cultura do Presidente da República de Austria Don Heinz Fischer),  Amanda Piña (Delegada de Coreografía do BMfB) e Daniel Zimmermann (Delegado de Cine e Artes Visuais do BMfB) e doutra banda, Ania González, Begoña Cuquejo, Horacio González (como equipo promotor do IGAPA).

No acto o BMfB fixo a primeira achega de capital ao IGAPA, que consistiu en 3 minutos do seu Himno corporalizado por todos os membros asistentes.

A presenza do BMfB continuará na programación do ciclo De Corpo en Lugar,  esta tarde as 20.30 no Auditorio deo CGAC coa Presentación Oficial do O Ministerio Federal de Asuntos do Movemento da República de Austria (BMfB).

Ademáis esta tarde poderemos asistir de 18.00 a 20.00  ás Xornadas  Procesos instituíntes na praxe artística actual coa presenza de Pedro G. Romero, María García, Ania González e Horacio González.


Máis información en
http://traspediante.com/de-corpo-en-lugar/
227

9.26.2014

Carlos Herrera: "Una sociedad sin periodismo, no es una sociedad libre"

De esquerda a dereita, J. M. Rivera Otero, Pepa Bueno, Antón Losada, Carlos Herrera e Ismael Crespo.

Na tarde do 25 de setembro tivo lugar na capital galega, unha mesa redonda moderada polo xornalista e escritor Antón Losada, incluída dentro do III Congreso Internacional de Comunicación Política e Campañas Electorais, que contou coa participación dos xornalistas Pepa Bueno (Cadena SER) e Carlos Herrera (Ondacero), e os politólogos Ismael Crespo (presidente da Asociación Latinoamericana para la Investigación de las Campañas Electorales —ALICE—) e José Manuel Rivera Otero (xefe do Departamento de Ciencias Políticas das Universidade de Santiago de Compostela.

O debate tivo como tema central a relación existente entre os medios de comunicación e a comunicación política, ou simplemente entre os xornalistas e os políticos —se ben Pepa Bueno, sinalou acertadamente que nunha época de información inmediata resulta obsoleto referirnos a medios de comunicación no seu sentido clásico, como estrutura empresarial organizada verticalmente, cunhas pautas, rutinas, e xerarquías; no mundo da comunicación directa e multidireccional (xa que logo, de feedback mediado pero directo), as denominacións deben mudar tamén, coa intención de entender mellor os procesos tanto de información coma de desinformación.

Durante preto de dúas horas, as intervencións pivotaron arredor da labor que cumpren os xornalistas e os políticos dentro da sociedade, o seu poder de influencia e penetración na poboación, así como o papel da información política nos medios de comunicación actuais, e a súa deriva cara a formatos máis superficiais como poden ser certo tipo de tertulias pretendidamente políticas e serias —para cando este tema se mencionaba, inevitable era mirar que reacción suscitaba o tema en Antón Losada, que se mantivo no papel de moderador todo o tempo.

Tamén se falou sobre o futuro do xornalismo, e Pepa Bueno citou a Miguel Ángel Aguilar —ao igual que o fixera o día anterior Iñaki Gabilondo—salientando a importancia de contar con profesionais que corroboren, contrasten e verifiquen a información, dentro do que denominou unha "inundación de datos" na que vivimos, e en relación a que "cuando se produce una inundación lo primero que escasea es el agua potable"; isto é, historias veraces.

Dentro da necesariamente tensa relación entre os media e política, na súa quenda, a xornalista Pepa Bueno afirmou que o goberno actual, como os anteriores, pero máis, "no cree en la necesidad de rendir cuentas a los ciudadanos a través de los medios de comunicación", e estabeleceu un exemplo por comparación ao mencionar como na Radio 4 da BBC teñen cada día ao ministro do "marrón", non aquel que vai facer publicidade da súa carteira e accións políticas; ou en Francia onde cando Sarkozy "tenía algo que decir a la nación se iba al prime time a someterse a las preguntas del periodista". Así, aceptamos roldas de prensa a través de pantallas de plasma, e en "lugar de hablar de política, hablamos de lo que hacen los políticos, de lo que hicieron de lo que tienen pensado hacer".

Pola súa parte, situado á esquerda de Antón Losada, o xornalista Carlos Herrera, comezou a súa intervención defendendo a labor dos políticos, e considerando que a maioría dos mesmos, son xente honrada, que traballa polo beneficio da sociedade. Non discrepou enerxicamente do afirmado por Pepa Bueno, e coa intención de salientar a relevancia tanto dos políticos como do cuarto poder afirmou categoricamente que "una sociedad sin política es una sociedad plana, pero una sociedad sin periodismo no es una sociedad libre". Resultou interesante, a súa apreciación sobre o poder do que gozamos os periodistas. Como exemplo usou o caso do Watergate, e considerou que non foron nin o Washington Post, nin Bernstein ou Woodward, quen conseguiron que dimitise Richard Nixon, o culpable da súa dimisión foi el mesmo, a través das súas accións. Da mesma forma, considerou o señor Herrera, que ninguén dos medios conseguiu que Gallardón dimitise; a dimisión foi decisión do presidente do seu partido. "Yo puedo ponerle un sapo en el desayundo al ministro de turno, pero nada más", afirmou o xornalista de Ondacero.

O politólogo e presidente de ALICE, Ismael Crespo, fixo fincapé na capacidade dos medios de comunicación para crear un clima político que acaba por afectar ás decisións que toman os votantes en épocas electorais e criticou duramente os infoshows disfrazados de tertulias presuntamente serias que se dan maioritariamente nas canles televisivas, e que banalizan temas relevantes, querendo dar a impresión de estar a realizar unha análise política redonda e fonda; o seu colega, José Manuel Rivera Otero, xefe do departamento de Ciencia Política da USC, quixo pór aceno na relación simbiótica entre medios e políticos, amais de querer reformular as consideracións de quen son os bos e os malos, ao intentar facer comprender aos alí presentes, que da mesma forma que un xornalista sinte frustrado o seu traballo cando non lle permiten realizar preguntas nunha rolda de prensa, o mesmo lles ocorre os políticos e aos seus gabinetes, cando pretenden trasladar unha mensaxe á cidadanía (normalmente interesada), mais os xornalistas acaban por preguntar e escribir sobre asuntos diferentes; os políticos queren impor a súa axenda política, pero ás veces a axenda mediática entra en contradición. Froito finalmente, e así pareceron consensuar os convidados á mesa redonda, dunha relación de necesaria tensión, entre políticos e periodistas.

226

9.25.2014

Ana Expósito: "servimos ou non servimos para algo?"

Cando comecei a carreira de xornalismo, había quen quería ser reporteiro de moda, ou reporteira, e quen quería chegar a ser ese líder ou lideresa de opinión que publica na última páxina dos xornais impresos. Tamén había persoas, como Camille, a quen coñecín durante a miña estadía en Southampton, que soñaba con ser fotoxornalista e ir cubrir conflitos bélicos no continente africano, pois así o sentía, e así era o seu carácter, a súa dedicación.

Logo de que tropas de paz francesas atoparan o corpo de Camille Lepage o 13 de maio deste ano 2014, inerte, na rexión oeste de Bouar da República Centro Africana, nun vehículo da milicia anti-balaka a 120 quilómetros afastado de Berbérati, intentado evitar as aduanas, a miña e persoal concepción do fotoxornalismo e do xornalismo de conflitos, tornou máis real, e xa que logo, máis terrible.

O mércores, día 24 deste mes de setembro, tiven a ocasión de asistir a unha conferencia organizada por Médicos Sen Fronteiras e moderada polo decano do Colexio Profesional de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, onde o comunicador e colaborador desta ONG, Javier Sancho Más, e a correspondente de guerra Ana Expósito Valle falaron das súas vivencias en lugar de conflito.

A exposición comprendía historias propias de ambos profesionais onde se trataban, en consecuencia, diversos aspectos coma a ética xornalística e a necesidade ou pertinencia da súa labor. Sirve para algo contar as historias das vítimas? Son as imaxes cruentas da guerra puro sensacionalismo? Si e non, non sempre.

O primeiro en falar sobre a pertinencia da nosa profesión foi Javier Sancho, quen, comentaba que se cuestionaba se o seu traballo servía de algo, mentres asistía a unha operación cirúrxica nunha zona de conflito. O traballo dos médicos é incuestionable, o seu efecto é inmediato e normalmente perceptible. O traballo do que conta o que ve, é menos agradecido nese sentido, e non conta cun feedback directo. Finalmente, comentaba Sancho, "ayudamos a salvar vidas, no sólo con medicamentos, también contando lo que está pasando".

Ana Expósito se mostrou moi convencida de comprender cando debía ou non debía usar determinado tipo de imaxes. Da súa exposición podemos concluir que a lexitimidade para usar determinado tipo de imaxes (mortos, membros, sangue, desnutrición) queda asegurada no momento no que os propios e as propias protagonistas da historia piden e animan ao xornalista a difundir esa imaxes, pois ese é a única maneira de que o resto do mundo comprenda, ou queira se quera botarlle un ollo, ao que está a ocorrer no lugar.

Entre anécdotas, historias, e reflexións, puidemos escoitar os alí presentes relatos duros contados coa madurez de dous profesionais que asistiron a escenarios dos que nunca nos poderemos facer unha idea, de non ser que os viviramos.

Por Javier Sancho soubemos que o conflito actual na fronteira entre Ruanda e O Congo xa leva cobradas cinco veces máis vítimas —o que poderían supor entre 2,5 e 5 millóns de persoas— que o xenocidio que tivo lugar hai vinte anos no castigado país dos tutsis e os hutus.

Ana Expósito comentou que as violacións masivas de mulleres son a forma máis efectiva de rematar coa moral e destrozar un país. Tamén afirmou estar farta de recibir ordes de cubrir bombardeos e falar con xenerais, mentres outras historias, como por exemplo o relato das mulleres, queda fóra da grella informativa.

Corolario
Hai persoas que se xogan a vida para poder dar voz e poñerlle cara ás vítimas de xenocidios, guerras inxustas (se hai algunha que non o sexa) e remover a conciencia da opinión pública, para que atenda ao que ocorre máis aló do seu contexto inmediato. As imaxes, atroces, sanguentas, e crueis, son ás veces precisas para que atendamos, para sacarnos da nosa apatía, se ben Susan Sontag afirmaba en Ante el dolor de los demás, que a constante exposición ás mesmas acabou por facernos inmunes aos seu poder. Deixemos, pois, de ser inmunes, apáticos, e atendamos á vida de quen pasa quince anos nun campo de refuxiados e nunca deixa de ser sorrir, e aprenderemos a valorar máis o que temos, e a rexeitar os espectáculos morbosos que só buscan un impacto de audiencia traducible en ingresos publicitarios.


225


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...