11.26.2012

De volta ás trincheiras

Despois duns meses de ausencia, en canto á publicación de contido se refire, culturadeseu volve a escribirlles. E facémolo, ou simplemente, o fago, por mor dun encontro esperado, nunha tarde inesperada, con Nandi Alonso.

Coñecina na Televisión de Galicia. Eu era un bolseiro que deambulaba pola redacción con cintas sobre accidentes, ataques de xabarís, e tractores que provocaban disputas rocambolescas entre veciños. Ela dirixíame ás cabinas de edición, sempre cun sorriso por saúdo.

Non tardei en saber que aquel ollar abstraído pero amable, era o ollar dunha artista. Pasaron os meses, máis dun ano, e ao final concertamos unha entrevista. Os motivos? Varios, e o karma tivo moito que ver. Pero a verdade é que a inminente exposición que realizará o 5 de decembro no Campus Stellae de Santiago, brindoume a escusa perfecta para poder falar de e con ela; e da súa obra, claro.

A cita
Así, chegou Nandi, a un encontro concertado e esperado, ao Hotel Moure de Compostela. Tarde, pola miña culpa, pois unha inesperada sesión de fotos con Onyvá Gastronomic, nunha bañeira grande que quería ser jacuzzi, atrasou a entrevista.

Licenciada en Historia da Arte, non deixou nunca de investigar e afondar no seu proceso de creación artística. Pousa os lenzos no chan, e así os pinta ao óleo. Di que deste modo, co óleo e no chan, pode acadar matices que coa pintura acrílica e a posición vertical do cadro non se atopan. Resulta curioso que, a pesares de realizar as obras deste xeito, consiga unha gran profundidade, con diferentes planos superpostos.

Cada centímetro da imaxe, polo menos os daquelas pertencentes á última das súas etapas —conceptual e abstracta— garda unha sensación, unha emoción e un momentum. "Nandi Alonso traballa con sensacións, non con realidades obxectivas nin vista preseleccionadas", afirma nunha crítica o profesor universitario David Chao. Con reminiscencias a Turner, á estampa xaponesa e a fotografía, a pintura de Alonso é puramente íntima e emocional. Por iso, na nosa cita, afirmou sentirse 'exposta' na súas primeiras exposicións, dado que aqueles lenzos eran unha ventá á súa cabeza; a momentos e estados anímicos determinados. Agora, despois de máis de trinta inauguracións —desde Nova Iorque, Xenebra, Barcelona, a Galicia— xa está afeita.

"Ao principio non quería vender os cadros", comentoume mentres bebiamos unhas cervexas preto da Praza de Cervantes (nun bar claro, non na rúa). O afecto que lles tiña era demasiado grande —ao igual que a súa carga emocional—, como para permitir que un estraño os levase para a súa casa e os pendurase na súa parede. Eran como anacos da súa vida, expresións multi-significado que pasarían a decorar un lugar totalmente alleo ao útero que os creou.


Todo artista ama ou odia as súas obras. Han de ser unha mensaxe codificada verbo da súa visión do mundo. O artista, para Alonso, ha de plasmar o que sinte, pensa, ou o que a realidade lle transmite. Senón, convértese nun mero produtor, un marchante de produtos artísticos.

O mércores 5 de decembro poderedes e poderei ver as obras de Nandi en directo no Campus Stellae de Compostela baixo o nome de EfíMeRo, cunha parte de debuxo chamada cAliGrAFiA dE Lo EfíMeRo. Vai ser a miña primeira vez xa que polo de agora so puiden ver as obras por mediación electrónica. Así que ata entón, resérvome unha reflexión máis profunda. Déixovos unha mostra da súa obra, que, estrañamente, e tras a nosa conversa, sinto moi preto.


Corolario
Un síntese ben ao volver a escribir despois de tantos meses adicado a outras labores. Síntese mal, porén, por que desde a última publicación de culturadeseu, o xornalismo —como empresa, como traballo— viuse profundamente danado, e atravesa un proceso de erosión continua. Cada vez vólvese máis complicado vivir disto. Afortunadamente o xornalismo —como modo de entender a vida, como entidade metafísica— non deixa de cambiar e transformarse.
O malo é que ás veces os soños crean monstros. Pero para iso xa estamos eu, e tantos coma min, aquí, de volta ás trincheiras. 

6.30.2012

De Gallaecia Petrea ou as ofrendas ao Faraón

Parte da equipa de CULTURADESEU (Manuel Turnes, Ricardo Saavedra e Elena Cancelas) desprazouse ata a Cidade da Cultura sita en Santiago de Compostela, con motivo da exposición que desvirgou o Museo de Galicia (que agora é o Museo Centro Gaiás), 'Gallaecia Pétrea', e, con sinceridade, a sensación tras visitala estivo moi preto da desazón (quizáis motivada polo cansanzo) e da decepción (quizáis motivada pola desazón)


Anacronismos
Para facerse unha imaxe do que alí se expón só vos direi que se atopan exhibidas 341 pezas, cedidas por 91 institucións, e que, coa pedra como fío condutor, percorren a historia de Galicia, parte de España e o norte de Portugal, dende a prehistoria ata a contemporaneidade. É, ao meu parecer, unha exposición moi pouco didáctica (cun carácter eminentemente histórico), mal formulada no espazo, e en certa medida anacrónica.


Dándolle voltas ao asunto concluín que — sen importar que se gastaran arredor dun millón e medio de euros nesta exhibición pétrea — o problema non debía de ser o enfoque; nin que se destinaran unha parte importante do presuposto en facer uns palés de madeira a medida; nin que foran demasiadas obras para unha exposición temporal; nin que non existise interactividade algunha; nin que os cartaces informativos fosen demasiado pequenos; nin que semellase que estaba todo a medio facer; nin... O problema principal é, quizáis, que o modelo museístico está xa agora, no século XXI, obsoleto. E como a min xa non me poden acusar de non estar interesado na cultura (evidente é o título e propósito deste medio dixital) e menos da cultura en Galicia (de seu), pois considero, e saco en claro, que a exposición de 'Gallaecia Pétrea' é unha metáfora da visión institucional da creación artística: inherte, sen sentimento, non voluble nin disoluble, conservadora e demasiado estática.


De seguro que o traballo do seu comisario Miguel Fernández-Cid (antigo director do CGAC) é impoluto, e eu non son máis que un begginer; de seguro, que para aos amantes da historia da arte é unha gozada poder ver nun só edificio como evolucionou a pedra ao longo dos séculos. Pero, coa cantidade de cartos que xa levan investidos na Cidade da Cultura (agora entre 400 e 500 millóns de euros) semella que este medio millón máis é outra pedra na pirámide. Unha pedra que vale tanto como o gasto expositivo anual do CGAC ou o orzamento do MARCO de Vigo; Unha pirámide que está a lastrar os orzamentos en cultura de toda Galicia; que foi froito dun concurso (como o do decidir colocar palés na exposición, ao mellor hai que cambiar o xurado), e cuxa estrada de acceso leva o nome de Manuel Fraga Iribarne.
Por este, e outros motivos, atrévome a ironizar e dicir que esta exposición podería ser parte dun conto: 'Gallaecia Pétrea ou un percorrido pola vida de Don Manuel'; 'Gallaecia Pétrea ou as ofrendas ao Faraón'.
Tamén hai que ter en conta (ou quero facelo), como comentei en entradas anteriores, que debe existir unha administración conservadora e ortodoxa para xurdan iniciativas contrarias e alternativas, senón esto sería un mayhem.



Björk, Panorama e París de Noia
Quizáis moitos xa se percataron de que a campaña para venda de entrada do concerto de Björk na Cidade da Cultura durou demasiado. A verdade é que se non se pendurou xa o cartel de completo durante a primavera, era raro. Algo estaba a pasar. Hai quen dixo ironicamente que a islandesa ía facer realmente un acústico. E correu un burdo rumor sobre unha actuación conxunta entre a cantante, Panorama e París de Noia. (Se vistes o video presentado por Ricardo Saavedra ata o final saberedes de que estou a falar). Ao final parece que todo saiu ben. Non houbo cheo total, pero Xesús Vázquez asistiu.
Sen máis.
Abur.

6.13.2012

Mutantes pletóricos + Bizarrada

Un proxecto auto-xestionado, libre, mutante e contemporáneo, que se suma a outros colectivos/publicacións/espazos que apostan ou representan a creación alternativa galega coma Alg-a Lab, FAC Peregrina, Summer Labs, El Halcón Milenario, ou Baleiro Lab; isto é Plétora, a revista dixital de arte contemporánea que naceu a comezos de Xuño e cuxa directora xa coñecedes de entradas anteriores: María Marco (1979, Vigo).


A palabra plétora como tal vén do grego πληθώρα, e hoxe en día (segundo a RAE) fai referencia ao exceso de sangue ou doutros líquidos orgánicos no corpo ou nunha parte del. É a abundancia en si mesma, e para María Marco pretende ser unha enerxía e un catalizador á vez. A enerxía é precisa para aguantar na rede e manter o proxecto. O catalizador quérese converter nunha ponte e nun punto de unión entre os creadores da escena contemporánea, xa non só galega, senón tamén máis aló das montañas e alén os mares.

Cholitas ás que lles vai a loita libre, xestas que cobran vida animada e visitan a Cidade da Cultura, cunchas de vieira moi doces, desexos de comunidade e alpinismo de trato máxico. Neste primeiro número de Plétora, ao que se lle adxudicou o 0, interveñen, por citar algúns: Vanesa Díaz Otero, Emanuela Saladini, Amaya González Reyes, Ania González, María Magán, Lois Patiño, Joan Morera...

Sairán ao ano tres edicións on-line, aínda que están a barallar a posibilidade de facer un número impreso anual. Será ista, a 0, a primeira que intentará ir, pouco a pouco, rematando coa falta de respecto que, segundo a directora Marco, se lle mostra na nosa sociedade á arte contemporánea; á que parece ser que aínda non se lle tomou de todo en serio, pois seguen a tratar o contemporáneo como mero produto anecdótico a mercé do mercado informativo, e sempre e cando se lle ocorra a alguén meter a Don Francisco Franco nunha neveira de Coca-Cola (¡viva Mediaset e a cultura casino!).

María Marco considera que esta minusvaloración da arte contemporánea se debe en parte a que en España saltáronse (por mor dunha ditadura, que non foi por antollo) moitas das fases precisas para chegar ao que hoxe se comprende coma arte contemporánea europea. "A arte tamén é educación", afirma a directora, "é arte relacional, de comunidade e de performance". Son, amongst otras, algunhas das claves de Plétora, que pretende saír da peza obxectual clásica, e amosar o que hai no outro lado, e facelo ademais en inglés, castelán e galego. Unha gozada.

Inauguración perdida
Por motivos laborais non puiden acudir á inauguración de Plétora o día 1 de Xuño no FAC Peregrina. Foi toda unha pena pois, ao parecer, asistiron todos, e máis, dos artistas e creadores que participan da primeira edición desta revista dixital; ata houbo unha actuación tremendamente interesante con Lúa Gándara (vestida de princesa), Juanma Lodo e Madamme Cell no que se deu en chamar Ópera Electrónica "Barroca" (que hai quen dixo que tiñan que ir de cabeza para o próximo Sónar).


Para que non vos enfadedes comigo por non ter documentos gráficos xa vos colguei as fotos que me pasaron os organizadores do debut e ademais, e como premio de consolación, subo un vídeo verbo da intervención de Diego Vites na Cidade da Cultura como "Ser Xesta" (cuxa crítica podedes atopar aquí). É unha bizarrada algo chapuceira (pola miña parte) pero quizais vos guste.


Abur. Stay tuned. 

5.27.2012

Sangue de Cristo en lata de CocaCola


Español
Un vía crucis delimitado por unha sucesión de doces cunchas de vieira, ora de chocolate, ora de galleta; un colecta-esmolas que as presenta; un altar que as preside e un retablo que esconde unha torta de Santiago; todos coidadosamente tratados sobre madeira e rodeados por un halo de luz case mística. Son os elementos que forman Políptico. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio, a reflexión de Enrique Lista (1977, Malpica de Bergantiños) verbo do triángulo que forman o patrimonio cultural, o patrimonio gastronómico e a industria do turismo.


De como converter en 'líquido' o simbólico; da práctica que aplica criterios de rendibilidade reservados á produción industrial nun intento de transformar entidades metafísicas en merchandising; do sfumato derivado que se produce entre as barreiras que diferencian o cultural do industrial, o turístico do real; da creación dun parque temático que disfrazan de viaxe espiritual. Son algunhas das reflexións que se poden extraer de Políptico, unha exposición comisariada pola licenciada en Belas Artes e Humanidades, María Marco (1979, Vigo) e que foi o froito dun mestrado en Museoloxía e Crítica Contemporánea dependente do CGAC.


Viño de Misa nun garrafón
Con referencias implícitas, en forma e disposición, ao traballo de artistas coma Rirkrit Tiravanija, Vik Muniz, ou aos suízos Fischli & Weiss, esta mostra acollida na Zona 'C', representa cinicamente a liturxia católica. Durante o día inaugural e tras os discursos protocolarios, o artista, tras revelar a imaxe no retablo da torta de Santiago (que permanecera oculta durante o comezo da xornada), oficiou unha merenda cargada de ironía e reflexión ao deleitar aos asistentes, non só cos doces expostos en forma de cuncha, senón tamén cun auténtico Viño de Misa que, amosou, pódese adquirir por 25 euros (cinco litros) e vén nuns garrafóns de plástico; un exemplo que simboliza, ao meu parecer, o contedor industrial e comercial que garda o sagrado e ascético líquido que molla as 'ostias'. Podería ser como o sangue de Cristo nunha lata de CocaCola. Elemento a nivel micro que elevado á enésima potencia se mimetiza con outro paquete comercial como é o Xacobeo. A cidade como sangue sagrada; o Xacobeo, como lata de CocaCola.


Se ben estas últimas son reflexións propias, o artista Lista, que leva unha década compaxinando as Belas Artes co deseño publicitario, tamén mencionou o Ano Santo e as relacións establecidas entre o patrimonio cultural e o turismo. Non desmereceu nin atacou a industria turística como tal, mais considerou que nun intento de aplicar criterios de rendabilidade económica a bens inmateriais (e materiais) poderíamos crear unha tónica que, co paso do tempo, prexudicaría a creación artística e a propia herdanza cultural. Cuxo peso é difícil de medir en ouro, de non ser que se convertan en parte fundamental do espectáculo.


"Si llo pide o corpo"
Esta xornada gastronómica rematou no recentemente inaugurado Kunsthalle, nunha reflexión e anecdotario do artista verbo da comida, o seu simbolismo e os mitos que a rodean. A destacar unha das frases que a avoa de Lista e que co seu permiso e por afinidade, que non coherencia discursiva, menciono: ao ser ela preguntada pola homosexualidade dixo "si llo pide o corpo". Collan papel e lapis e apunten señores.

Agradecementos
Non quero rematar a entrada sen agradecer a Paula Iglesias a súa colaboración como fotógrafa de CULTURADESEU, e a hospitalidade e amabilidade de María Marco e de Enrique Lista de quen, en non moito, teredes máis información na rede coa publicación de Plétora, unha revista dixital, editada pola comisaria de Políptico, que terá unha entrada propia neste blogue e que se presentará no Furancho de Arte Contemporánea o 1 de Xuño.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...