Da man ao óleo, do pincel ao lenzo e do estudio persoal á sa de exposición. O proceso é longo e require esforzo e dedicación para que os qualia, esas cualidades subxectivas das experiencias individuais, adquiran formas, texturas e cores. Para que —por usar a expresión científica a modo de metáfora— cada un dos momenta, sentimentos e expresións do pathos se perpetúen no tempo en espazo. Para conseguir, ao fin e ao cabo, a plasmación do efémero.
A labor do artista non termina na obra e por iso Nandi Alonso dedicou longas horas á montaxe e disposición dos seus traballos nas paredes do Instituto Europeo Campus Stellae, en Santiago de Compostela. A razón disto, a súa chamada entusiasta sobre o resultado conseguido no espazo de exposición, uns días antes da inauguración o mércores 5 de decembro —e que estará ata o 1 de febreiro—, non fixeron máis que aumentar a miña curiosidade por asistir.
O día sinalado, aparecín alí, cámara en man,
nunha mostra que por nome ten ‘EFímEro’ —e que aínda podedes visitar— e que
comprende óleos realizados tras a viaxe da artista á cidade de Nova Iorque,
expresións íntimas da súa liña conceptual e abstracta, e, de forma inédita,
unha serie de debuxos de formas insinuantes e paleta vermella e negra.
A serie inspirada pola súa visita á Gran Mazá está dominada por tons escuros, de formas verticais que recordan a skycrapers, e formas abstractas que desafían o maxín do espectador. Non hai luces de neon nas súas cidades. Mais ben semella que todo foi tomado pola brea e o inverno. O cromatismo frío desprende nostalxia e introspección. Por este motivo contrastan fortemente os lenzos cubertos de azul. En especial o seu ‘SuMmEr SeA’, onde, dende o porto, lle di adeus á xungla de asfalto. Ou aqueles onde se deixa de lado o horror vacui para, de forma sinxela, e cun xiro de moneca, manchar o lenzo con figuras escuras que remiten, ora a barcos, ora a chantadas na tela.
Jazz e repetición irrepetible
A segunda parte da exposición —situada no andar
-1— centrouse nas denominadas ‘cAliGrAFíAs dE LO EFímEro’ mariñadas cos doces e
hipnóticos sons do acordeón e o contrabaixo do grupo PeldeNoz, que presentou o
seu traballo ‘Jazz&Trad’. Os
debuxos, que mostrou por primeira vez Alonso, foron dispostos con elegancia e en diálogo co espazo e a luz; comprenden o resultado dun proceso de
abstracción que se compón da evocación a través de pezas musicais e a
repetición de movementos e trazos que ao final, tornan irrepetibles.
Son, segundo a artista, a reminiscencia á arte
oriental e en particular á caligrafía xaponesa: ao Shodo en tanto que ‘orde do
trazo preciso coma disciplina’ e ao Haiku
en tanto que ‘poema breve que plasma o
asombro do poeta ante a contemplación da natureza’. “Misturo estes dous
conceptos mediante un trazo mental repetitivo e irrepetible coa expresión do
sentimento do haiku, pero aquí a
Natureza, é o meu interior”, considera Alonso.
En épocas de austeridade económica semella que a
arte pictórica e plástica queda descolgada das paredes institucionais,
abandonada á súa sorte na auto-xestión. Así o comentábamos hai un par de
semanas eu e unha comisaria independente, algo desilusionada polas xornadas do
Culturgal; que, ao parecer, seméllase cada máis a un parque infantil e a unha
feira de gando que a un punto de encontro de sinerxias entre actores e axentes
do panorama creativo galego.
O artista busca en todo momento interactuar coa realidade.
De se a súa busca é necesaria ou continxente depende a súa razón de ser. Pero
xustificar a necesidade da cultura, fronte á de infraestruturas de asfalto, non
é sinxelo, nin rápido. Por iso déixovos cunha reflexión do profesor Ramón
Cuartango da Universidade de Barcelona:
“O desenvolvemento dos aspectos idiosincrásicos que constitúen o ámbito específico no que se desprega o eu non pode ter lugar máis que no contexto do trato coa realidade, posto que non son outra cousa que o resultado do exercicio de autodisciplina cuxo orixe se atopa no feito de que algo requira atención e non haxa outro remedio que prestarlla. Trátase de actividade, movemento, reiterada…, pero sempre arredor de algo ou dende algo. Con todo, a relación que se establece entre o eu e as cousas tampouco se define convenientemente por medio das metáforas de ‘adecuación’, ‘representación’, ‘reflexo’, ‘copia’… O eu non é un espello. O seu comportamento afecta dun modo fundamental ao mundo; de feito, este depende de el para poder ser o que é.”
(Claves de Razón Práctica, Xullo/Agosto
2012, p. 138)
No hay comentarios:
Publicar un comentario