Xogando a esa popular aplicación de smartphone na que respondes a preguntas triviais, saltou unha que rezaba tal que así "¿Cuantas negras vale una blanca?", e levaba un apelido "música". A enorme relevancia que gardaba esa connotación valeume, non para acertar, pero si para saber polo menos cal era o sentido da cuestión, ergo, a importancia do contexto. Pois non é o mesmo que a presentación do libro do líder de AGE tivera lugar no aseo da habitación dunha cadea hostaleira, en lugar da libraría Couceiro, ou que a exposición de re-lectura comisariada por Monste Cea se tivese celebrado no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, mentres metían a douscentos empresarios e empresarias do sector naval entre os retablos da Igrexa da USC (con órgano de fondo incluído) bebendo cervexa Peregrina.
Obviamente o contexto conta. Non é o mesmo facer unha feira de arte contemporánea nun pazo, que nun recinto feiral, ou que nun hotel. É mais, non é o mesmo facer unha feira de gando que facer unha feira de arte, que facer unha feira de artesanía. E non é mesmo (e desculpen que xa parezo Alejandro Sanz) vender cadros que vender chourizos; nin é o mesmo que en Madrid o Centro Nacional Reina Sofía colabore coa Fundación de los Comunes na busca dunha nova forma de institucionalidade, mentres aquí unha cadea de supermercados e unha empresa autobusística forman parte dun Padroado que sustenta unha Fundación que financia un proxecto que semella esquecer a importancia do seu contexto inmediato.
Consumir cultura
Co gallo dos recortes producidos a causa da crise económica froito do crash financieiro e inmobiliario (2007-?), e a base de repetir mil veces a mesma falacia, temos todos no miolo que a cultura non é máis ca un parásito que chucha egoístamente das arcas públicas; por iso, dentro dunha sociedade post-post, individualista, pragmática e consumista, a única (?) alternativa para a subsistencia da creación cultural e/ou artística é tratala como industria —kulturindustrie que dirían Adorno e Horkheimer—. Pertence a unha necesidade de clase superior na pirámide de Maslow que podemos deixar ao garete nas augas do mercado neoliberal; xa logo a cultura adquirirá unha forma adecuada para sobrevivir: digamos, por exemplo, unha feira.
Zygmunt Bauman, que admite e considera necesaria a relación amor-odio que sempre se produxo entre os creadores culturais e os xestores e administradores do Establishment, opina:
«Os que son autenticamente novidosos son os criterios que os administradores de hoxe, no seu novo rol de axentes das forzas do mercado máis que dos poderes estatais de construción nacional, implantan para avaliar, auditar, supervisar, xulgar, censurar, recompensar e castigar aos seus pupilos. Naturalmente, son criterios de mercado de consumo que reflicten unha preferencia fixa polo consumo, a gratificación e a rendibilidade instantáneos. Un mercado de consumo que atendese necesidades a longo prazo (por non falar xa de eternidade) sería un contrasentido.» (Mundo Consumo, 2008)
No hay comentarios:
Publicar un comentario