Ela veu dende Cacheiras a Compostela a estudar Maxisterio de Inglés hai uns dez anos, pois, aínda que o que lle gustaba era a música, para contentar á súa contorna familiar entrou na facultade; polo menos o inglés axudaríalle a mellorar o seu acento american-style. Ademais de realizar numerosos traballos non relacionados co mundo musical, formouse na Escola Estudio de Compostela con Leo Giannetto, formou parte do grupo de folk Nubeira e puxo a voz a oito dos nove temas do disco Boleros & Jazz do Jose Nine Cuarteto, entre outras andainas musicais. Despois de adicarlle media vida á música, un señor, que din que é de Padrón e que se apelida realmente Meixide, díxolle nun plató de televisión que se quería adicarse ao mundo da canción profesional debería... perder peso? Supoño que saberedes que lle respondeu Loli así que non falemos deste desafortunado incidente. Imos ao importante.
Imaxina unha negra sombra que aínda respira
O concerto comezou cunha versión de Imagine e rematou con Negra Sombra. Catro das cancións que tocaron poden ser disfrutadas nos videos colgados nesta edición, algunhas quedaron no tinteiro xa que uns individuos irrespectuosos estaban a falar durante o concerto e estragaron a melodía. Entre esas cancións inéditas está un dos temas pertencentes a un disco que Loli e Paco están a preparar, o Sleeping in the corridor. O ruído de fondo e a pouca calidade dos meus rudimentarios sistemas de gravación non lle fan xustiza á voz de Loli e a guitarra de Paco, e por iso non incluín o track, denominado Still Breathing. De conseguiren suficiente financiamento quizáis sexan quen de publicar o seu álbum. Poderedes participar desa financiación xa que van botar man do crowd funding, a través dunha web que recolecta cartos para axudar na carreira dos amantes da creación.
Amantes coma Paco Cerdeira (Santiago de Compostela, 1976), o guitarrista de cabeceira de Loli. Emigrante retornado, foi aos oito anos para México onde estudou Enxeñería Civil na UPAEP. Agora leva arredor dunha década de volta en Galicia e xa case non hai pegada do seu acento mexicano. Toca a guitarra acústica e eléctrica en diversos grupos: no Mamá Cabra (importante o do til) con música infantil en galego, cinco anos no mítico grupo de rock galego Zenzar (que sacan novo disco o 5 de Maio), participou e participa en diversos proxectos musicais, é técnico de son é o responsable da dixitalización e edición do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. "Ademais arranxo aparellos de vóos non tripulados", engade ao final da conversa.
Panorama, respecto e hipocresía
Falando sobre a pertinencia, simulada ou non necesidade, e incremento incipiente da presencia de orquestras do estilo Panorama, Paco considerou que son un espectáculo "audio-moi-visual" e que cada vez, sobre todo agora en época de crise, faise máis complicado que grupos de varios músicos consigan actuacións en locais ou salas; non lles poden pagar o caché, nin a máis minimalista das versións do mesmo.
E naqueles lugares, bares e locais que seguen a apostar pola música de calidade e en directo ás veces un ten que virar a cara, tusir, ou arquealas cellas cando a xente carece de respecto e fala en voz alta durante as actuacións. A Loli, que está acostumada a cantar na rúa, non lle molesta tanto, aínda que admite que son escenarios diferentes, e que polo menos agarda algo de atención dependendo de en que lugar. Conta como anécdota, que unha vez durante un espectáculo didáctico no Auditorio de Pontevedra, tivo, o que denominou unha sensación "desgradable," ao ver que un dos asistentes estaba a ler un libro mentres eles realizaban a performance.
En canto á televisión, ela notou que a trataron de forma diferente (para mal) logo de enfrontarse a EvarRisto. Que todo o fixo para poder gañar os cartos necesarios para sacar un disco; que hai xente boa e xente mala pero tamén moita hipocresía; burbullas de ficción onde a xente normal coma ela escasea; e que Susan Boyle ten a vida arranxada, pero ela non. Polo menos axudou a darlle un empurrón á súa carreira. A xente recoñécea pola rúa. Cando saíamos do Dado Dadá dous rapaces bébedos que viñan de Liberty (discoteca de Santiago), axeonllados no chan, rogaron que lles cantase unha canción. Eran as tres da mañá. Loli coa guitarra ao lombo, cantando Someone Like You de Adele, nunha neboa mesta de carrallo e dous chavales aos seus pés, debuxaron a estampa final dunha noite inesperada e enriquecedora.
Corolario
Tanto tempo amenizando o paseo dos turistas, visitantes e veciños de Santiago, cantando ao carón do Obradoiro e tense que ir para Madrid para que a chamen da Televisión de Galicia. É por iso que entre o Obradoiro e o Luar hai un Tú sí que vales.
P.D.: Loli Nogueria volverá en Semana Santa ao Arco de Xelmírez, non deixeles de visitala!
No hay comentarios:
Publicar un comentario