7.12.2013

Menos Panorama e máis...

E máis...creación. Fronte as reproduccións de hits dos 40 Criminales que anegarán un verán máis as romarías dos pobos galegos, dende a península meca queren apostar (outra vez) pola creación-orixinal musical-artística, no canto de seguir dando pábulo a un modelo de repetición eternamente retornado. Por iso, un ano máis, culturadeseu colabora en corpo e alma coa programación estival do Twist & Shout Club de Ogrove.
Xa comezou o venres da semana pasada, cun concertazo de Guerrera, pero aínda quedan por diante moitos días de calor, e arredor de 17 eventos, e moitas noites na cabina co Dj residente, Manu Tf.


Aquí vos deixo algúns dos eventos destacados deste mes, e tamén de Agosto. 

Xullo












Agosto











Para finais de Agosto, está programada unha grata sorpresa. Pero non se pode anunciar aínda. O que sí se pode dicir é que o grupo que vai vir terá logo a Nano Vinilo Dj e Faber Estudio 3 Dj's de postre.

Para calquera modificación ou novidade podedes consultar a páxina de facebook do Twist & Shout ou o grupo público coa programación.

6.25.2013

FAC ALL | Crónica dunha despedida

Hai máis dun ano e tres meses que cheguei a unha casa sita en A Peregrina para tomar un té cun grupo de artistas que tiñan aquel lugar por taller, e por vivenda. Foi daquela, cando a idea de crear un espazo de exposición fóra dos circuítos convencionais de carácter comercial e institucional, tomaba forma e contido. Foi, tamén daquela, cando comezou a súa andaina culturadeseu.com. Un mes máis tarde, nacía o Furancho de Arte Contemporánea, baixo a tutela dos artistas Olmo Blanco, Diego Vites, e a crítica cultural e comisaria Ania González, nun evento que se deu en chamar FAC OFF. Quince meses máis tarde, logo de acubillar decenas de exposicións, coloquios, entrevistas, laboratorios e artistas, botan o peche definitivo, a berro de FAC ALL.

Neste período de tempo os membros da equipa do FAC pretenderon con este espazo-proxecto artístico autoxestionado mostrar o excedente cultural que parece non ter cabida en galerías ou en museos de carácter institucional. Quixeron, como afirman eles, "crear un espazo libre, non condicionado por cuestións económicas". A fin desta obra, transcendente no tempo, celébrase como o culminación dun obxectivo, non como unha derrota, en coherencia co discurso dos responsables:
«Non queremos contribuír sen límite á nosa precarización, nin á dos nosos colaboradores. Aceptamos traballar en condicións de precariedade porque criamos necesaria unha visibilización e unha renovación do contexto artístico e porque queriamos enriquecer os nosos proxectos persoais mediante o intercambio e o traballo colectivo. Unha vez conseguido isto, non queremos manter a ficción de que algo así se pode facer sen contribuír á grave precarización das persoas que o levan a cabo».

Un círculo que se pecha
Como outsider, presenteime en Marzo de 2012 cun par de cámaras e o noso colaborador Ricardo Saavedra para dar conta da inauguración do furancho. O venres 21 deste mes, agora xa, en 2013, regresamos á Peregrina ambos os dous. En certo modo, para pechar un círculo, e comezar a debuxar outro. 

Abordo da Lupita —a furgoneta de Diego Vites— arribamos ao FAC, arredor das sete da tarde, con tempo para asistir ao concerto de Ulobit —quen tamén participaran na inauguración do FAC—, con Horacio González a cargo do apartado visual e Xoán Xil no cello, en colaboración con Heine Christensen de Ghost & Tape


Era o primeiro día nunha semana que saía o sol en Compostela. En cadeiras de madeira e de plástico, en botes de pintura ou na herba, todos nos arrombamos arredor dos músicos. A intervención realizada por Olmo Blanco, no mesmo chan onde Horacio estaba sentado enriba dunha funda de ordenador, inaugurou a mostra visual, que recollía imaxes da contorna. O ruído envolveu durante case media hora aos alí presentes. Entre actuación e actuación, non se escoitaba máis que o vento bulir entre as follas das árbores do monte que vixía á Peregrina. As cores do lugar reflectíanse na meta-realidade dunha pantalla improvisada. O fume dos cigarros, as cordas friccionadas do violoncello e as rozadas da guitarra, crearon por un momento a ilusión de que todos os alí presentes eramos parte do mesmo lebenswelt. Ou se o prefiren, mundo da vida.

Despois desta primeira fase de catarse colectiva veu a quenda dun dos praceres da vida: comer. Non houbo un catering. Nin snobismos. Cada un levou o que quixo, e os organizadores, coma de costume, non deixaron padal descontento. Entre cebada, uvas, café edulcorado e cigarros, chegou a música. Non puiden resistir a tentanción de amenizar o serán con algúns beats, coa inestimable axuda da artista multitarea Lúa Gándara, ata que colleron a batuta un mozos que baixo o nome de Attention Whore, fixeron reverberar o galpón do FAC con dubstep, drum&bass, elektro, e inclusive algún tema de corte indie. 

Todo isto, mentres Horacio colocaba unha webcam, que nos gravaba e reflectía a través dun proxector nunha parede branca, que endexamais pensou que ía ver tanta actividade e creación, cando hai quince meses formaba parte dunha vella casa, e se encargaba de gardar da choiva, os aparellos de labranza


A guinda
Entre bailes, risos, caras coñecidas, novas caras, caras felices, caras californianas e ourensás, apareceron por sorpresa os compoñentes de Malandrómeda, que cunha audiencia entusiasta e tras colocar en tempo record todo o equipo, ofreceron un breve pero intenso concerto con beats e hip-hop made in Galicia. A festa continuou ata ben entrada a noite. Foi a despedida merecida para un espazo único, quizáis irrepetible: 
«Algúns pensarán que pechamos e que privamos ao contexto do que xustamente reivindicamos, espazos intermedios. Nós xa cumprimos ata ao límite das nosas posibilidades con esa responsabilidade sen que polo camiño xurdiran conexións nin propostas de colaboración que contribuíran ao fortalecemento dun espazo-proxecto como o FAC en condicións sostibles no territorio. Porén, déronse multitude de conexións e propostas entre todos o que participamos do proxecto que sen dúbida nos levarán a lugares aos que antes, non poderiamos ter chegado.» 

Corolario
Normalmente, neste apartado formulo unha conclusión que defina o sentir do artigo. Cito, con normalidade, a autores que recollen en parágrafos ou frases, ideas ou conceptos pertinentes e en coherencia co texto. Pero quen mellor que Ania González, co-directora do FAC, para dar a última, que non derradeira, puntada:
«Mentres non exista unha mirada e un exercicio de investigación responsable sobre o contexto de produción artística e discursiva en Galicia, seguiremos perpetuando unhas condicións de visibilización de artistas e proxectos culturais completamente obsoletas baseadas no xuízo de valor, nas políticas de filiación, a exhibición da obra parcial e descontextualizada e a aceptación dunha soa canle de lexitimación: a oficial; altamente xerarquizada, fortemente orientada ao recoñecemento ideolóxico e formal e aparentemente despreocupada polas cuestións da produción artística. É dicir, unhas condicións de visibilización que promoven a reprodución en lugar da creación
Máis fotografías no facebook de Culturadeseu.
Entradas anteriores sobre o FAC (orde cronolóxica):


Sitio web do FAC Peregrina: 

5.12.2013

As micro-vidas d'A Regadeira de Adela


Mentres os clientes permanecen sentados, na rúa, nunha mesa, nun bar (o Embora), en Compostela, bebendo unha cervexa, Olaia berra: "primeiro pase en cinco minutos". Os consumidores, avezados ou non a este tipo de espectáculos, érguense e, sen deixar a súa bebida, entran na casa. Entran n'A Regadeira de Adela. No seu peto, ou na súa man, gardan chaveiros de cores.

Unhas escaleiras estreitas alfombradas guían o paso e deixan aos asistentes nun acolledor recibidor vixiado por diversas portas, pechadas, que conducen, non a habitáculos, mais a micro-vidas. Deixan a cor precisa a Olaia. E tras petar na porta, comeza o espectáculo.

En cada cuarto a barreira que separa o real do finxido, dilúese. Cando os asistentes cruzan o limiar, os actores non están, convertéronse nunha sorte de idea, de concepto. No micro-teatro, actores e público expóñense para ser quen de (por medio dunha catarse, dunha mimetización, dun deixarse levar) vivir unha vida dentro doutra, unha metavida; para experimentar sensacións e accións das que a vida cotiá non podería conta.

Victoria Pérez durante a micro-obra Mr. X

A Regadeira comezou o seu periplo en novembro do 2012 —da man do bilbaíno Alfonso Medina, do coruñés Antón Coucheiro e da ourensá Olaia Tesouro— como lugar de encontro para os axentes de creación; como, dalgún modo, consecuencia da perda da compostelá Sala Nasa, e como modo de supervivencia para unha arte, a do teatro, cada vez máis ameazada polos recortes de financiamento público.

Momento da actuación de Funboa Escénica con Anoter Espectacle.

Se ben vivir do teatro tradicional é complicado, do micro-teatro non resulta máis doado, como admite Alfonso durante a nosa entrevista —nun galego, que moitos políticos galegos envexarían, ou deberían envexar—. Pero eles seguen alí, o proxecto vai con vento en popa, con pases de mércores a venres a partires das 20.30,  e cun público que está a responder positivamente. A xente anímase a acudir a este tipo de obras pola duración, polo prezo ou pola novidade (quizais a consecuencia do modelo de consumo do actual status quo, motivo da histeria austerística colectiva...). "Son coma tapas", comenta Alfonso, que veu do mundo do circo e que estivo traballando en Londres e Madrid, "quince minutos cada unha", aínda que se espera, produzan unha sensación máis duradeira no espectador.

Comedias Frescas representando 12 Minutos

O noso paso (o meu, e o de Paula Iglesias que se encargou de documentar a nosa visita) foi coma un golpe de auga fresca na cara. Saímos das tres micro-obras —Funboa Escénica con Anoter Espectacle, Comedias Frescas con 12 minutos, e Milo Taboada con Victoria Pérez en Mr. X— con moita enerxía. É unha catarse moi interesante, polo preto que están os actores, pola atmosfera, e por que como audiencia debes, en diversas ocasións, ser activa, e participar da meta-realidade creada polos actores.

Corolario | Vida líquida
O micro-teatro non é unha tendencia nova. Pero iso para culturadeseu nunca foi óbice, nin motivo de descarte. A novidade pola novidade e a actualidade son dous endemoñados criterios xornalísticos moi acordes cos tempos que corren: a obsolescencia programada, o cambio polo cambio, o fast-forward... Pero, como afirma Zygmunt Bauman (Vida Líquida, 2005):
"A cultura, por dicilo así, apunta «máis alto» que calquera cousa que nese momento pase por ser «a realidade». Non lle atinxe o que se incluíse na orde do día nin o que se definise como imperativo do momento; aspira cando menos, a transcender o impacto limitador da «actualidade» así definida e pugna para liberarse das súas esixencias."
Quizais sexa o micro-teatro o output dunha sociedade demasiado ocupada (asaltada, anegada pola [des]información) para deterse demasiado tempo no mesmo lugar, por medo a pasar de moda. Quizais sexa un modo de consumir arte. Quizais, unha forma de rendibilizalo. Non o sei. Pero ultimamente teño a impresión de que todos somos a Alicia á que Lewis Carroll lle advertía que «fai falta correr todo canto unha poida para permanecer no mesmo sitio. Se se quere chegar a outra parte hai que correr polo menos dúas veces máis rápido».

P.D.: non vos esquezades de mirar a programación de A Regadeira de Adela aquí. Para os que estades por A Coruña tamén podedes asistir a obras de micro-teatro na La Tuerka 27.

4.04.2013

A forza de Wily e a teima de Ángel

O comisario Ángel Calvo Ulloa no Kunsthalle.
Nunha tarde tipicamente compostelá onde a chuvia cae cando quere e o sol nin se molesta en saudar, vinme co comisario (de arte) Ángel Ulloa Calvo (Lalín, 1984), na denominada taberna contemporánea de nome xermano, Kunsthalle. A razón? A súa labor cunha exposición sita no Fac Peregrina verbo do artista lalinense falecido hai sete anos, Wily (Antonio Taboada Fedarás, Lalín, 1962-2006).

No papel, deberían ser as administracións, aqueles lugares de financiamento público, as que se encargarán, e tiveran a responsabilidade de deixar constancia, de falar, de achegar á sociedade a obra, cultura (output) dos actores e axentes que producen e traballan na súa contorna. Porén, son os proxectos de inversión mínima, de iniciativa privada e sen ánimo de lucro, os que en diversas ocasións se fan cargo desta responsabilidade para coa cultura, que outros —a pesares de seren remunerados por todos nós para tal fin— fail to accomplish, é dicir, non logran acadar.

É a eterna disputa entre administradores e administrados, coma explica un dos grandes pensadores da nosa época Zygmunt Bauman —pouco coñecido dado que está vivo—, no seu ensaio Mundo Consumo: 
«O choque entre estas dúas perspectivas e narracións (caracterizado por un antagonismo que bule baixo a superficie e, de vez en cando, adquire carácter de conflito aberto) é inevitable. Non se pode impedir que saia á luz nin se pode pacificar a partires dese momento. A relación entre administradores e administrados é, intrinsecamente, agonal: ambas partes perseguen dous fins opostos e son só capaces de convivir nun ambiente conflitivo, infectado pola suspicacia e disposto para a batalla.»
Mais, comprender isto, e compartir máis ou menos a opinión do sociólogo polaco, non quere dicir que a administración non deba actuar comme il faut, só polo feito de que o seu papel adoite ser o de antagonista dos traballadores da cultura. Pero nalgúns casos, non é que non axude, é que estorba, xa que como sostén Ángel Calvo "a administración local e a Deputación de Pontevedra entorpeceron a restauración e conservación da obra de Wily", desentendéronse do asunto facendo gala da súa procrastinidade, "cando a familia xa tería restaurado a obra antes".

Ao buscar na Internet vemos que, de nón ser pola actual exposición no Fac Peregrina, a última nova sobre Wily é a colocación dunha das súas obras nunha rotonda en Lalín, no 2007. Seis anos despois, ante a pasividade funcionarial foron os seus achegados (Asoc. de Amigos da Obra de Wily) quen decidiron tomar as rendas e asegurar non só a conservación da obra de Wily, senón a súa restauración, exhibición e posta en valor.

Wily | Forza ingobernable
Así se chama a exposición que acolle o furancho de arte contemporánea sobre Wily, e que rematará este venres día 5, a partires das 18:00 horas cun encontro con Alberto González Alegre e Miguelanxo Rodríguez, verbo da figura do artista.

Inauguración «Wily | Forza Ingobernable» no Fac Peregrina.


Segundo afirma o comisario da mesma, Ángel Calvo, o Fac, semellou o lugar idóneo para poder realizar esta mostra, esta homenaxe, xa que as dependencias do lugar aseméllanse moito ao estudio que tiña o artista falecido. Cerca de A Peregrina poderemos ver algunhas das obras que se trouxeron dende Lalín, e que están mellor conservadas, aínda que quedaron atrás máis de 80 pezas da colección de Wily, que con sorte serán restauradas e algún día verán a luz do público. Non tiven a oportunidade de velas en vivo por motivos laborais —deses nós que, polo menos, che prometen remuneración—, e por iso non vou soltar catro adxectivos ben traídos. Sei que son Totéms de madeira, policromados, e que se fixeron cunha motoserra, un proceso de traballo que se convertiu na marca persoal de Wily. Son a mostra da súa forza ingobernable.

Disparo de Advertencia do comisario
Amais do seu traballo curatorial coa obra de Antonio Taboada, Ángel Calvo Ulloa realizou xa diversos proxectos e moitos deles con presuposto cero, e de forma autoxestionada. Entre eles está o de Disparo de Advertencia que tivo lugar en Lalín no 2011, con seis artistas que realizaban unha instalación en diversos lugares públicos da vila (ou cidade?) e que a deixaban alí durante 48 horas.  Financiada coa venta de múltiples de artistas.

Cabe destacar Diálogos Improbables (que deu comezo a finais do ano pasado e segue en activo) onde se xunta durante dúas horas nun espazo pechado a obra de dous artistas, cuxas liñas de traballo sexan diverxentes, nun intento por crear unha dialéctica controvertida entre ambas. Proba do esforzo recaudatorio e teima de Ángel foi o financiamento do catálogo deste proxecto mediante crowdfunding (co que acadou máis de 2.500 euros).

Ante a impasibilidade dos administradores, que se atopan nunha espiral de auto(in)xestión que provoca un crowding out, conseguir financiar un proxecto cultural é todo un reto. Pero a mala situación non é escusa. Afirma Ángel, na nosa entrevista, que agora que "levamos tanto tempo acostumados a que non haxa cartos para nada, e aínda así seguimos comisariando e creando eventos, que cando veñan os bos tempos, se é que veñen, imos ser a [hostia]". E ten razón. Se con nada, traballamos coma burros, e desbarramos buscando calquer vía de financiación; cando abran a billa ou afogamos ou facemos un encoro para non quedar outra vez sen auga. 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...