Porén, seguir o devir do acontecer non devén en pecado mortal para o ser, pois segundo andamos, así nos construímos, poñendo un naipe enriba doutro. Mais mirar cara adiante, ou cara aos pés dun, ten por consecuencia esquecer o que fomos, ou cremos ter sido. Aquelas costumes e calidades do que nos rodea que á lixeira matamos e enterramos co corpo aínda quente, e sen deixar sequera unha campá, por se as moscas.
Ana Lois Gómez, na presentación de As Palabras Secretas en Vigo, na Cova dos Ratos. |
Con Ana Lois Gómez, motivo desta entrada hipertextual, compartín lugar de traballo hai uns anos, nun ente que todos coñecemos como TVG, e onde ocupou cargos de dirección e edición de informativos. Xa daquela me decatei da súa paixón pola terra; polas historias que por estar moi preto, semellan pequenas e intranscendentes. Son eses relatos que non teñen cabida na filosofía actual do fast-forward continuo. Son esas palabras que cremos ter aprendido pero, non mais velas, decatámonos de que, delas, xa non temos idea.
«Creo que a idea leva aí varias xeracións porque a miña bisavoa xa preparaba herbas medicinais para ter abastecida a toda a súa familia durante o ano. Eu non a coñecín, pero herdei dela o nome e seguramente tamén a paixón pola medicina tradicional. De pequena pedín un anaco de xardín para plantar xarxa e menta. E a primeira reportaxe que fixen como exercicio cando comecei xornalismo foi entrevistar unha sabia hoxe falecida. Pero nunca tomei moi en serio esta fascinación pola medicina tradicional ata hai dous anos. Foi unha amiga a que me falou de dúas señoras de Muros que quitaban o mal de ollo. E eu, que son curiosa, funas visitar só por ver como facían. E fascinoume tanto que decidín gravalas, sen saber moi ben que ía facer con ese material. Entrevisteinas e deime conta que todo iso do que elas me falaban estaba a piques de desaparecer. Así que empecei a gravar persoas que bendicen e a facer pequenas pezas documentais con ese material. Así naceu www.palabrassecretas.com . Algúns dirían que foi "por casualidade". Segundo a miña avoa é o meu "sino".»As Palabras Secretas non é unha páxina de remedios naturais nin de terapias alternativas. Trátase dun proxecto que quere recoller rituais de sanación utilizados na cultura galega que ao romperse a cadea de transmisión oral inter-xeneracional, se atopan en perigo de extinción:
«Os vellos non transmiten a súa cultura porque durante moitos anos lles fixeron crer que non valía, igual que falan castelán cos netos porque lles fixeron crer que o galego era de pailáns. Devolverlle a dignidade ós maiores é o único xeito de que empecen a contar cousas e de que nós reconstruamos a nosa cultura. Non importa se son remedios tradicionais ou contos de lendas. Creo que os que recollemos deberíamos facer sempre as estreas dos proxectos nas aldeas nas que traballamos e permitir que os nosos informantes reciban aplausos diante de tódolos veciños.»Ana Lois tamén quere deixar a súa semente alá por onde pasa. Por iso implica aos cativos, familiares: "Os máis novos da casa alucinan porque son por primeira vez espectadores de algo que non coñecían a pesar de telo tan preto. A fin de semana pasada entrevistei unha señora en Tomeza. O seu neto, duns 10 anos, tivo os ollos como pratos durante todo o tempo. E cando ela sacou un alicorno dun caixón, o rapaz case deu un brinco."
Presentación de As Palabras secretas en O Peso, A Lama. |
Cun proxecto de presuposto 0, auto-xestionado, e contando de cando en cando coa colaboración de colegas de profesión e amigos, esta experimentada e curtida xornalista recolle vídeos case cada semana, para facer a súa mediateca o máis ampla posible. As súas viaxes non están exentas de anécdotas, e na nosa entrevista comenta que un vello de Lalín lle propuxo matrimonio, unha señora maior en Cervantes queríaa arrexuntar co seu fillo, e en xeral, as mulleres sempre lle queren mandar comida:
«Á beira do río Verdugo, buscando información sobre os bautismos prenatais, pasoume algo moi significativo. Preguntei nunha casa se sabían algo dos bautismos que se facían na ponte de San Lourenzo e o mozo que saíu á porta miroume como se estivese tola. Dixo que alí non se facía nada diso. Entón eu inistín preguntando se había algunha persoa maior na casa que puidese saber do tema. E el responde: está a miña avoa, pero xa che digo que diso non se facía nada e que ela non sabe do asunto. Entón eu pido que saia a avoa e o rapaz xa me mira un pouco peor. E cando sae a señora e lle pregunto, ela empezou a contar a historia dos bautismos prenatais diante das fillas, dos netos e dos bisnetos que a esa altura xa estaban de porta afora observándome. Contoume como era todo o ritual e, ó acabar, o neto díxolle: Pero usté nunca nos falou diso. E ela respondeu tallante: Vós nunca me preguntastes.»Se As Palabras Secretas é algo, non é un incentivo á suplantación da medicina por curandeiras, pois como comenta a súa creadora "a xente que entrevisto non deixa de ir ó médico nin tomar os seus medicamentos". Tampouco é publicidade de balde para quen se lucra mediante estes rituais, "os nosos protagonistas non son profesionais da medicina popular. Só son persoas que coñecen e fan uso da tradición e que amablemente queren compartila con nós". Nin son rituais da chamada Galicia Profunda pois "estes ritos practícanse en todas as nosas cidades. Vigo e Coruña están cheos de bendecidoras e nas súas salas de espera agardan tamén mozas con iPhone e con bolsos caros".
Porén, é a recollida e constatación dunha realidade que fica invisible pola súa proximidade e suposta intranscendencia, e que a súa creadora non xulga, pois iso queda nos ollos do espectador.
No hay comentarios:
Publicar un comentario