3.06.2013

Apash, os de fóra


Coñecín a Cora Peña hai cousa dun ano.
Ambos acudiamos dúas veces á semana a un curso de inglés aplicado á industria audiovisual. Conforme as clases foron avanzando e os asistentes nos iamos coñecendo, soubemos que Cora pasara dous meses entre indíxenas awajún, na ribeira do Alto Marañón, no medio da Amazonía. Acompañada polo empresario galego Antonio Abreu —que perseguía o soño de atopar ao descendente do emigrante emprendedor Alfonso Graña— e traballando como muller-orquestra (direción, guión, montaxe, produción...) dentro do que ela mesma describe coma un trance que a axudou a superar a fame e a falta de soño, Cora deixouse levar pola historia dun pobo indíxena que leva anos loitando contra a cara máis cruel da globalización, e de forma maxistral, reuniuna e contouna no seu documental 'Apash, os de fóra'. 
"[...] ao principio cría que ía ir máis a pola historia de Alfonso Graña, o suposto 'rei dos xíbaros' dos anos 30, aquel galego sorprendente. Logo, tras algúns meses investigando, convencinme de que a historia de Graña non só era carísima de documentar, tamén era obxecto de desexo doutro docu máis ou menos en marcha, e, para colmo, descubrín a situación explosiva que había naquel entón na Amazonía peruana. De súpeto, a cuestión indíxena e medioambiental era tan forte e tan apaixonante, que o demais quedou relegado."

Cun modesto investimento da Televisión de Galicia (que cubriu a rodaxe e a postprodución de son, e pouco máis) a directora embarcouse —xunto un sonidista peruano, o señor Abreu e un tradutor— nun periplo non exento de dificultades.
"Viaxar polo Alto Marañón é caro e complicado, hai só unha estrada en moi mal estado (a que aparece no documental) e logo están os ríos. Os ríos teñen días, digamos, pero as barquiñas sempre entrañan perigo. Énchenas demasiado e son fráxiles para esas correntes tan fortes. Navegar polos ríos é arriscado pero marabilloso, imaxina a beleza... Ás veces chove —ou diluvia— e hai que taparse con plásticos o corpo enteiro. Coma se as gotas de choiva che deran unha tunda e houbese que protexerse. Igualmente chegas esgotada ao porto, pero é así, parte do asunto."
Pero a comida, o frío/calor ou a necesidade de descansar nunha cama non foron os seus únicos problemas, pois debía encargarse da produción, de avanzar e modificar o guión, revisar as gravacións, cargar co equipo: "levábamos de todo: anti-mosquitos por litros, tendas e sacos, botas de auga, medicamentos específicos, comida, auga potable... e suma iso ao equipo de vídeo e son...", e ademais un ten que aprender a desenvolverse non só con tribos indíxenas (cuxa acollida do rodaxe do documental, neste caso, foi fantástica), senón con costumes e horarios que nada teñen que ver cós nosos; si é que existen:
"Producir nesa contorna sempre é complicado. Non existen horarios nin nada que se lle semelle. Dependes das improvisación propia e, sobre todo, allea. Porque non adoitan respectar os pequenos convenios da vida cotiá: quedamos con barqueiro ás 10 da mañá e aparece ás 6 da tarde para dicir que saiamos ao día seguinte. Hai que relaxarse e seguir aí, intentando, porque ao final conséguelo. Eu creo que resistín toda esa presión de traballo e responsabilidade porque estaba nun pouco en trance. Entre a beleza do lugar e a urxencia por contribuír a que siga existindo, estaba como nunha misión. E non podía fraquear."
É por iso que Cora, tanto cando a coñecín como na entrevista, fala da necesidade de contar cun bo produtor/a. A pesares de ser esta unha súa moi monopelícula, na que a voz en off en castelán do documental é a súa propia —pois quedou sen presuposto— ademais a súa montaxe, a súa dirección, o seu guión: "pero ter un produtor... que tesouro sería! (creo que escoito a todos os directores de documental de baixo presuposto suspirar comigo)."

"A voz indíxena debe ser escoitada"
A historia dos awajún é, tristemente, un tópico. Ou así permanece no noso in-consciente. Escoitamos que están a esquilmar a Amazonía, o pulmón do planeta, que están a acabar cunha cultura, que lles están a arrebatar as súas casas, a súa contorna, a súa forma de vida a uns indíxenas xíbaros; que a industria madeireira, a petrolífera e gasística están a destruír, contaminar  e minar un ecosistema de tremenda importancia, non só para os seus habitantes, senón para o resto do mundo... E sóanos a panxoliña de Greenpeace, a o delirio dun ecoloxista, a un ruído distante, coma cando nos falan do cambio climático, ou da caza de baleas.

Eu non os podo convencer da importancia de todo isto, pois, ao fin e ao cabo, eu non vivo na Amazonía, nin son un awajún. Pero por iso Cora fixo algo grandioso, que é traernos a voz indíxena, nun documental con testemuños de primeira man, implicados políticos, antropólogos, empresarios e veciños, que permiten ao espectador indentificarse coa historia, por moi lonxe que estea a ocorrer.

"Para min as satisfaccións deste proxecto foron de calquera natureza excepto económicas. Pero non me queixo, volveríao facer", confesa Cora. Tras a súa estrea, 'Apash, os de fóra', segue a aparecer de cando en cando nalgún festival; cos medios que están ao seu alcance, a súa directora segue a intentar difundilo para que o maior número de xente poida coñecer a historia dos awajún. Por iso un ano despois de coñecérmonos volvín falar con ela. Para que a coñezades, coñezades a súa historia e vexades o documental. Se estades en Santiago de Compostela, tedes unha cita o vindeiro xoves 14 de Marzo, no piso de abaixo do Kunsthalle (na Rúa da Conga, ao lado de Praza Quintana). Cora estará con nós, e veremos o documental a partires das 20.45. Vémonos alí.



No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...