2.22.2014

"Desculpe, señor presidente"

009
A primeira e penúltima vez que vin a Alberto Nuñez Feijóo en persoa, saía el dun café de Compostela, cunha pashmina azul, e aínda non era presidente. O segundo e último encontro foi máis intenso e anos máis tarde, cando eu comezara na Axencia Galega de Noticias, onde amais de facer boas amigas, aprendín a escribir do que non me importaba, é dicir, instruínme na profesión de xornaleiro da información.

Foi un 10 de febreiro de 2010. Inaugurábase o Centro Sociocultural de Caixanova, e a fusión das caixas galegas era tema candente. A maioría dos medios alí presentes non tiñamos moito interese por pasarmos máis dunha hora de pé, escoitando como se untaban xabrón uns ós outros, pero foi o que fixemos. Queríamos respostas do presidente, ter a oportunidade de facerlle unha pregunta, así que tras un tedioso sermón, tivemos que ir dar unha volta ao centro, nunha estupenda visita guiada. Eu, que era (e sigo a ser) un amateur, me preguntaba por que ninguén se dirixía directamente a Alberto que, coma nós, puña cara de interese e sorría de vez en cando.

Eran preto das nove da noite, e xa levabamos alí unhas dúas horas cando a súa responsable de prensa nos dixo que non ía facer declaracións ao respecto. Pero a pesar de todo, e agora xa, no frío da rúa, acougamos na porta, por se había sorte; quizais fixera un canutazo, que, en xerga xornalística, é unha desas declaracións que todos vedes na televisión onde un persoeiro político conta catro cousas rodeado de micrófonos e gravadoras.

Pasaban os minutos, aumentaba o cansazo e o frío, e Feijóo que non saía. Algúns compañeiros decidiron marchar, con razón. Pero despois de dúas horas a esperar por catro palabras, eu non tiña intención algunha de irme sen, polo menos, intentalo. Chegou o momento, chegou o coche oficial. Flanqueamos a saída. Alberto saíu rodeado dos seus; ninguén lle cortou o paso. Xunto antes de entrares no seu transporte de fuxida, achegueime e díxenlle, "desculpe señor presidente". Xirouse, miroume, engurrou as cellas, e desapareceu entre cristais opacos. Non me lembro do que lle preguntei. Algo das caixas seguro. Imaxino que cando estaba sentado no automóbil alguén lle preguntaría, "y ese, ¿que quería?", "nada, preguntarme sobre la fusión", "estos periodistas jóvenes...".

E todo isto veume á cabeza, por esta fantástica serie:
 

2.21.2014

Unha ducia de páxinas (web) de artistas galegos

008 
Hai uns meses que Praza.com publica ducias as fins de semana, e eu, que por mor de estar a traballar no Fórum Gastronómico de A Coruña, non podo adicarlle moito tempo á escribires con cautela e honestidade (ao mesmo tempo), con ánimo de non plaxiar mais de homenaxear, quero que lle botedes un ollo a doce tumblrs ou páxinas web persoais de doce artistas galegos. Podedes clicar no nome para acceder ás mesmas (ordeado aleatoriamente).














A maioría formou parte da exposición comisariada por María Marco, Plan de Rescate.

2.20.2014

James Franco e o sexo explícito

007
Cantas veces nos temos visto nesa estraña situación na que, un domingo pola tarde, descansamos no sofá da sala de estar da casa da nosa nai, absortos polo calor dixestivo e a resaca dunha noite típica, mentres a familia mira unha película na que unha parella branca, americana e heterosexual (loura ela, moreno de ollos azuis el) ten que afrontarse a un inminente furacán, unha coidadora psicópata, unha infidelidade, un asasinato misterioso... e chega esa escena na que o rapaz quita a camisa, ensinando os peitos curtidos por moitas horas de ximnasio e poucas de interpretación, e os dous —espidos, ou medio vestidos— finxen practicar sexo; e a pesar de que o acto é un groseiro simulacro, non podemos, dalgún modo sentirnos incómodos, por estar a presenciar a escena en familia.

Mais, cando asistimos diariamente ao visionado de imaxes atroces verbo de guerras inxustas (pero afastadas) con corpos mutilados, regados de sangue e berros de auxilio, atendemos na maioría das ocasións como espectadores pasivos. No mesmo senso, gozamos en sociedade de filmes nos que a violencia non ten impedimentos e se mostra de forma explícita, e o rubor non asoma por ningures.

A continua exposición a imaxes atroces ás que está —e leva estando exposta— a cidadanía (audiencia-consumidores) debido en maior medida á cobertura fotográfica e (posteriormente) televisiva das guerras —dende Crimea, pasando pola Guerra Civil Española, Vietnam, Iraque e chegando aos conflitos actuais— parece ter provocado en nós un certo grao de insensibilización, ou inclusive rexeitamento, xa veña este ditado por unha sensación de repugnancia, impotencia, ou cansazo.

Susan Sontag reflexionou sobre esta complicada realidade no seu ensaio Ante el dolor de los demás (2003):
Aínda que as noticias sobre a guerra sexan propagadas na actualidade por todo o mundo, iso non implica que a capacidade para reflexionar verbo do sufrimento da xente distante sexa sensiblemente maior. Na vida moderna —nunha vida na cal o superfluo reclama a nosa atención— parece normal apartarse deses imaxes que simplemente nos provocan malestar. Moita máis xente cambiaría de canle se os medios informativos dedicasen máis tempo aos pormenores do sufrimento humano causado pola guerra e outras infamias. Pero probablemente non sexa certo que a xente responde en menor medida.
Se ben a cuestión da mostra de imaxes reais violentas poder resultar máis complicada de analizar no eido da reacción do espectador e no canto das políticas de publicación das mesmas; o que resulta tautolóxico é que, mentres na ficción e na película documental a mostra de violencia (xa sexa esta gratuíta ou xustificada) se acepta, se permite e se divulga, mostrar sexo, real, convértese nun tabú. Digamos que mostrar un pene erecto provoca a inmediata calificación de pornografía. Se, aínda por riba, do que estamos a falar é de dúas persoas do mesmo sexo, non atoparán vostedes produtor que financie tal proxecto coa idea de dirixilo ao público mainstream



Sostendo estes argumentos —o paradoxo entre ensinar violencia pero non sexo, e menos gay sex—e coa intención de remover conciencias, rodou en 2013, o famoso actor de Hollywood, James Franco, Interior. Bar Leather. Trátase dunha película se sesenta minutos, rodada no que semella falso documental —con moita cámara en man e cunha pretendida confusión entre o que está no guión e o que non—, no que o director imaxina como foron os corenta minutos que foron cortados pola censura estadounidense da película de 1980, Cruising, protagonizada por Al Pacino. Ao parecer o filme perdido mostraba homes en actitudes demasiado sexuais e explícitas —«don't show gay sex, is the fucking devil», afirma Franco na cinta—, polo que o director decidiu amosar sexo, explícito, entre homes (ao parecer son actores non profesionais) mentres o protagonista, heterosexual e suposto amigo na realidade de Franco, se formula dúbidas sobre o que é pornográfico e si sobre debería estar a facer a película.



En definitiva, James Franco, da un paso adiante, e usa a súa relevancia e influencia (arriscando ambas) para realizar unha película a todas luces de corte independente (en tanto non consumida por un público mainstream) para pór na picota e cuestionar as categorías de significado usadas pola industria cinematográfica —xa non só norteamericana, mais global—, verbo da mostra dun acto tan primario, evidente, familiar e común como a práctica do sexo; en contraposición á violencia que, para polo menos a maioría do público occidental, non é máis que unha parte diaria dos informativos televisivos.

Cuestionémonos se levabamos demasiado tempo sendo alienados do noso propio corpo en favor dun pudor problablemente derivado da imposición dunha lei moral católica que demoniza actos como a masturbación. Cuestionémonos tamén cales son os paradigmas que seguimos, que consumimos diariamente e que transmitimos, mediante a mimetización dos mesmos, cada día na rúa e na nosa contorna. E en última instancia, reflexionemos sobre a importancia de que xurda un cine adulto de consumo particular ou doméstico (parte que están a suplir en gran medida as series inglesas e norteamericanas), agora que as salas de cinema están en decadencia e a televisión como formato do século XX, tamén.

Welcome to esperpentoland: coincidencias cósmico-cómicas

006
Hoxe chegou a terceira Revista Luzes. O carteiro meteuna de mala maneira nunha caixa de correo demasiado estreita como para abranguer tanta expresión escrita, provocándolle ás páxinas unha lesión evidente que non fixo máis que agravares a sucesión de acontecementos que xa tiveran lugar con anterioridade. Ao examinar a publicación e ver na contraportada o anuncio avalado por Novagalicia Banco sobre o programa de patrocinio (eles chámanlle mecenado que soa mellor) da Catedral de Santiago, todo pareceume —a consecuencia dun cansazo colateral—, máis esperpéntico do normal.

Para quen non o saiba o programa de mecenado forma parte do Plan Director da Catedral (onde se recollen todas as actuacións necesarias para a conservación da mesma) e pretende recadar cartos para a restauración da fachada do Obradoiro —valorada nuns 3,7 millóns de euros— recorrendo á inversión de pequenas e medianas empresas, dos entes públicos e da poboación de a pé, nunha estupenda campaña de crowdfunding. 

Queiramos ou non, algúns xa formamos parte dos que van pagar a restauración, pois o Consorcio de Santiago cubrirá parte do orzamento con dous millóns de euros. A campaña de recadación virá a cumprimentar os 1,7 millóns restantes (dos cales obtiveron, polo menos 170.000 euros segundo as últimas información) e ofrecen todo tipo de vantaxes ou perks (máis, e mellores, canto máis cartos, obviamente, como en Kickstarter) para os mecenas, amais de advertencias que queren xustificar que nos comprometamos con dita inversión.

Se imos á web habilitada por Novagalicia Banco podemos ler:
A Catedral non xera por si mesma recursos suficientes para a súa conservación.  
A Catedral contribúe á riqueza de Galicia e España. 
Sen Catedral, Galicia e España perderían a súa esencia e parte da súa historia. 
Sen Catedral, non hai Camiño.
Un pode estar de acordo ou non cos tres últimos, pero o primeiro, é, a todas luces, non-verificable; a catedral, entre outras cousas, non paga tributos ao Estado e non ten a obriga de publicar (todas) as súas contas, baseadas fundamentalmente en doazóns (diñeiro negro), a pesar de que aduzan maiores ingresos dende o museo que dende os fieis. As únicas referencias contables das que dispoñemos —polo menos foron as que conseguín atopar— publicáronse tras o (tamén esperpéntico) roubo do Códice Calixtino, e datan de entre 2002 e 2011. Nelas reflíctense déficits en anos non-santos (33.000 euros en 2012), compensados cos superávits dos Xacobeos, e unha media de ingresos de 1,5 millóns anuais.

Cando foran feitas públicas estas contas non todo o mundo tragou a bóla sen máis, xa que a lebre saltou a razón de que na casa do electricista atoparan (amais do Códice) 300.000 dólares, e un total (e aquí vén, unha coincidencia cósmico-cómica) de 1,7 millóns de euros; o mesmo que piden agora no programa de mecenado. Se esquecemos os cartos que puido ter gastado, sumamos dólares con euros, redondeamos a dous millóns de euros e dividimos estes cartos por 25 anos (supoñendo que roubou dende o principio, o que non é probable), achamos que Manuel Fernández Castiñeiras tivo que levar un total de 80.000 euros anuais, o que son 219 euros diarios. E isto tendo en conta que estamos a calcular á baixa e aceptamos que o home roubaba todos os días, xa que puido ter extraído os cargos nun só día, ou en dous, ou en 30; e que ademais puido facelo sen que ninguén os botase en falta.

Podemos sacar unha conclusión fiable de que a Catedral de Santiago mentiu na súas contas, e de que poden afrontar a restauración da Fachada do Obradoiro (e o resto de puntos do Plan Director) sen necesidade de acudir ao crowdfunding? Non. Coñecemos a algún cura de parroquias que circule en Mercedes Benz e teña as billas bañadas en ouro? Eu si.

Estiveron máis de 800 anos construíndo unha catedral cos cartos dos fieis e os botíns dos infieis (daquela non había fondos FEDER) para perpetuar o dogma da igrexa católica, baseándose nas supostas reliquias dun home que supostamente viviu hai dous mil anos, e agora que o negocio lles vai (supostamente) mal pretenden convencernos de que a catedral é de todos e de que temos que ingresarlle o pouco que podemos aforrar nunha conta en Novagalicia Banco para que, xa non só arranxen a fachada, senón que, xa de paso, a entidade bancaria poida lucrarse dun modo ou doutro destes depósitos; amais de negarse a entregar á xustiza aos centos (por non dicir miles) de sacerdotes pederastas que supoñen un problema estrutural nunha igrexa que segue a considerarme unha persoa "mentalmente inmadura" por me sentir atraído sexual e sentimentalmente por xente do meu propio sexo?

Engádanlle a isto que a Infanta Cristina non sabía o que asinaba, pero os afectados polas participacións preferentes si, e non me quedar máis que dicirlles que welcome to esperpentoland.

Por sorte (penso e pensei) non todo son malas noticias e Gayoso (o do banco, non o da tele) e cinco ex-directivos, están un paso máis preto de non saír impunes dun (suposto) cobro indebido de prexubilacións millonarias. Hai que ver se Ismael Moreno, o xuíz da Audiencia Nacional chega ata o final antes de que estes amables señores teñan que darlle explicacións a San Pedro.  



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...