2.18.2014

Galician Resistance

005
O luns 27 de febreiro, Wikileaks comezou a publicación de "The Global Intelligence Files", arredor de 5 millóns de correos electrónicos da base de operacións da compañía sobre intelixencia global, Stratfor. Os mails datan dende Xullo do 2004 ata finais de Decembro do 2011, e revelan, segundo a organización que os filtrou, "os traballos internos dunha compañía que aparenta ser unha editorial sobre intelixencia, pero que subministra servizos de intelixencia confidencial a grandes corporacións (...) e a axencias gubernamentais" como pode ser o Departamento de Seguridade Nacional dos EUA ou aos marines.

Todo isto, non é novo, pero onte, perdido por un momento en twitter, atopeime con isto:


Efectivamente, na ligazón, aparece un e-mail entre un traballador de Stratfor e a sede central ou headquarters, onde se fala sobre Resistência Galega co título de: unha explosión ten por obxectivo a oficina dun partido político na rexión española de Galicia. Logo vén o interesante, a información de intelixencia que acompaña a diversas novas sobre actos perpetrados por Resistência Galega:
Máis detalles sobre estes tíos, abaixo. Foron responsables de, polo menos, 13 ataques en 2010. Parece que son bastante pequenos [a organización], pero ao parecer teñen conexións con ETA. Sería interesante se estes tío cobran importancia, ao tempo que ETA morre. [...]
A noticia que sigue no correo, é extraída dun diario italiano (ANSAmed) na súa versión en inglés. Traduzo parte da mesma:
Madrid, Outubro, 20— Un novo grupo radical separatista parece estar a punto de emerxer en España, logo de que a Audiencia Nacional decidise rexistrar a 'Resistencia Galega' (Rega), un grupo marxinal de activismo antisistema en Galicia, como banda terrorista. Fontes policiais citadas polos medios, afirman que a Rega ten "unha organización determinada, e fondos e ideoloxía suficiente como para ser identificada como grupo terrorista".
Polo tanto debe ser perseguida como tal, particularmente no referente á vindeira visita do Papa a Santiago de Compostela o 6 de novembro.
O seguinte parágrafo versa sobre o nacemento da Rega e os contactos con ETA, para rematar con:
De acordo coas fontes de anti-terrorismo, "a organización consta como máximo de 200 membros". Ao contrario de ETA, o movemento separatista galego é marxinal, xa que non hai unha base social para apoialo, mentres que ETA é soportado polos grupos radicais adxacentes á ilegal Batasuna. Presuntamente a Rega ten tamén problemas financeiros, facendo complicado o mantemento dun número estable de militantes. 
Unha mostra, obvia da glocalidade na que estamos inmersos. Actos de ámbito local acaban nunha oficina de Texas, nunha empresa pantalla que vende información confidencial aos departamentos de intelixencia e espionaxe máis relevantes do mundo.

Intentei facer deste artigo un texto máis interesante, e intentei atopar unha empresa de España que tamén se adique a vender información confidencial ao CNI, ou á Consellería de Presidencia. Pero se escribes en Google "empresa española venta de inteligencia" o primeiro que aparece é un listado de compañías que traballan con (si) intelixencia, pero artificial.

Seguirei buscando.



2.17.2014

A Cidade da Cultura e o Horizonte 2020

004
A primeira vez que escoitei falar do Horizonte 2020 foi durante un congreso que tivo lugar en novembro do ano pasado, no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo. Era o Maritime and Innovation Brokerage Event e reunía a empresas de diferentes índoles pero relacionadas co mundo económico de base marítima, chegadas de todas as partes do mundo.

Nun dos relatorios (eu estaba alí traballando, non como parte interesada) repetían insistentemente horizon tuenituenti e falaban de millóns de euros, mentres relataban a importancia de satisfacer determinados requirimentos e de entregar e meet the requirements antes dun prazo determinado para poder acceder, o que eu ao final concluín, eran unhas suculentas subvencións en investigación.

Invadido pola curiosidade (esa droga que, con tanta cicloxénese, evita o meu ingreso nun sanatorio) indaguei —busquei en google...— que era aquilo do Horizon 2020, e resultou en tratarse dun programa da UE para a inversión en investigación e desenvolvemento (Research and Development) dotado de, nada máis e nada menos, 80.000 millóns de euros, que se executará durante os vindeiros sete anos.

Por casualidade (e motivación deste artigo), volvín topar co H2020 hai un par de semanas mentres asistía un venres a unha das reunións dos Escépticos en el Bar, no Kunshalle de Compostela.

D. Felipe Criado Boado en Escépticos en el Bar.
O invitado naquela ocasión era o arqueólogo Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias del Patrimonio, e profesor de investigación no CSIC. Cara o final da súa intervención, o doutor mostrounos un pdf onde a League of European Research Universities explicaba por que a "investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, como disciplina académica que xera coñecemento novo e intrinsecamente valioso que pertence a todos os aspectos humanos do mundo, é de vital importancia para o futuro de Europa", e isto, en base aos seis retos sociais escollidos como máis relevantes polo programa Horizon 2020, resumidos en:
Saúde, cambio demográfico e benestar. 
Seguridade alimentaria, agricultura sostible e silvicultura. 
Enerxía limpa, segura e eficiente. 
Transporte intelixente, verde e integrado. 
Loita e adaptación ao cambio climático. 
Europa nun mundo cambiante —Cultura, identidade e cambio social. 
Sociedades seguras —Protexendo a liberdade e a seguridade dos cidadáns europeos.
Se ben isto formou parte do epílogo —e o profesor Criado considerou que amais de pór o foco na falta de atención relativa á patrimonio e herdanza cultural, deberiámonos preguntar quen marca estas liñas de actuación, e o porqué desa escolma, sobre todo a respecto da seguridade e protección da sociedade europea (amalgama cuxos integrantes non están hoxe en día ben claros)—, a exposición tratou sobre as súas pescudas verbo da relación entre os humanos e a contorna natural e arquitectónica que os rodea, e de como, en particular, os aimarás dunha parte do deserto de Atamaca en Chile, trataban aos outeiros e montañas da súa contorna como seres vivos, e do impacto que esta consideración tiña nas súas vidas, que en gran medida xiraban ao redor destes accidentes xeográficos, considerándoos como titores e protectores e aplicándolle toda sorte de calidades humanas.

Logo dunha exposición moi interesante (que me gustaría reproducir, pero non tomei notas, e non quero faltarlle á verdade,—podedes consultar na rede dous traballos relacionados coa intervención verbo de Chile e verbo do megalitismo no nordeste peninsular—) acabamos por falar na rolda de preguntas sobre a Catedral de Santiago, e de como ver a determinados elementos arquitectónicos como seres vivos (parte orgánica cuxo estado nos afecta aos habitantes adxacentes), e comprender a súa traxectoria vital pode axudar a entender problemas estruturais do edificio, amais de problemas sociais e políticos que poden derivar dun edificio tan omnipresente e simbólico na vida da cidade apostólica.

A este respecto, resultoume imposible non pensar na Cidade da Cultura, e do interesante que sería valorar o impacto que tivo e está a ter o mausoleo de Don Manuel, xa non só no maltratado tecido cultural galego, mais tamén na saúde da poboación desta parte da península. Agora, que o que conseguiron erguer xa está a ter problemas (en referencia aos pequenos desprendementos de pedra que tiveron lugar hai cousa dun mes, e a pingueira que aparece na biblioteca de cando en cando), cabe preguntar se poderá durar tanto anos como o apousento da suposta reliquia de Santiago, ou se teremos polo contrario que convencer a Bruxelas de que a inclúa no Horizonte 2020; quizáis aducindo que representa un perigo para a seguridade e liberdade do cidadán europeo.

2.16.2014

Aborto libertario (?)

003
Segundo o anteproxecto de "Ley Orgánica de Protección de la Vida del Concebido y de los Derechos de la Mujer Embarazada" prohibirase a publicidade das clínicas nas que se practican abortos. Para calquera fillo de veciño, un modo obvio de obstaculizar e invisibilizar este tipo de práctica. Pero non, xa Gallardón afirmara ao respecto a finais do ano pasado que ha medida debíase a que "no es un producto de consumo y esa información solo deben facilitarla los especialistas"; porén permítese a venda de produtos financeiros de alto risco e complexidade a pequenos aforradores e reducen as prestacións e seguridades sociais mentres se publicitan seguros de vida que se nutren do medo e vulnerabilidade das mulleres fronte ao cancro de mamá.

Unha mostra da actitude contraditoria dun Executivo que non sabe a que santo encomendarse. Por un lado, predican e difunden (sen nomeala, pero practicándoa) a palabra do neoliberalismo como amuleto do triunfo e pretenden liberalizar (precarizar) o mercado laboral; e por outro esquécense do laissez-faire para acoutar e limitar os dereitos das mulleres para cos seus propios corpos en aras de protexer a vida (?) e dereitos dos non-natos. Se ben no seo de todo partido político resultan inevitables este tipo de aporías, a nova das mulleres españolas que acudiron ao rexistro mercantil para se converter en propietarias do seu corpo (furtado), non deixa de ser un paradoxo, pois a defensa da persoa como propiedade privada individual é un dos preceptos dos libertarios (anarquistas capitalistas) como o era o estadounidense Murray Rothbard:
A maior parte da discusión sobre este tema non pasa da consideración de nimiedades tales como cando comeza a vida humana, cando —ou si— o feto pode ser considerado vivo, etc. Todo isto é verdadeiramente irrelevante no que respecta á legalidade (de novo, non necesariamente á moralidade) do aborto. O antiabortista católico, por exemplo, declara que todo canto reclama para o feto son os dereitos de calquera ser humano, neste caso, o dereito a non ser asasinado. Pero aquí hai involucradas outras cuestións, e esta é a consideración crucial. Si se lle recoñecen ao feto os mesmos dereitos que aos seres humanos, preguntémonos: Que ser humano ten o dereito de manterse, como un parasito indesexado, dentro do corpo dalgún outro ser humano? Este é o núcleo da cuestión: o dereito absoluto de toda persoa, e en consecuencia de toda muller, á propiedade do seu corpo. A nai que aborta extirpa do seu corpo unha entidade indesexada. 
(Hacia una nueva libertad, el manifiesto libertario, 2005)
Probablemente os motivos que levaron ao devandito grupo de mulleres a rexistrar o seu corpo no Rexistro Mercantil de Bens Inmobles, non teñan nada que ver co pensamento rothbardiano, nin, consideraran o aborto como a expulsión dun parasito indesexado; mais o punto de vista do filósofo estadounidense, se ben extremista, non deixa de ser interesante e provocador, e a acción das mulleres (ao parecer en base a unha proposta da artista Yolanda Domínguez), un exemplo de protesta creativa e, obviamente, tamén provocadora.


A modo de corolario: resulta curioso, como discursos diverxentes e afastados tanto en procedencia como en formulación, poden atopar puntos en común.  

2.15.2014

Cultura galega glocal

002
A primeira vez que pisei as instalacións da CRTVG, como bolseiro, unha recepción de gaitas deume a benvida. Eran parte dunha banda, dalgún pobo galego, que actuaba nese senlleiro programa da tarde que se deu en chamar A Solaina. Aquel día só me faltou cruzarme con Xosé Ramón e Xosé Manuel para que a marca de A Galega me impregnase por completo.

En poucos meses puiden coñecer de preto numerosos pobos e aldeas da xeografía galega; os problemas existentes cos xabarís, coas toxinas, coas veciñas e a invasión das vías de servidume; o prezo do percebe, as patacas, cabazas e demais hortalizas xigantes que medran nas leiras da Galicia, os temporais que impiden faenar, as fochancas, os estaleiros, e os refuxios de cans.

Tamén, non en moito tempo, me decatei de que o que eu facía alí, e a maioría dos contidos que me rodeaban, daban conta, da realidade (si) pero non da miña realidade, e, ergo, non da realidade de moita outra xente que comparte a miñas circunstancias grosso modo.

A necesidade de falar dos artistas, das creacións, dos detalles e accidentes que me rodeaban daquela, fixo posible (e necesaria) a creación de Culturadeseu.

Durante dous anos veño falando de arte contemporánea. Proxectos novos e alternativos na súa meirande parte, que resultaron en boas e interesantes amizades. Pero, para conseguir o reto dos 365 días, 365 posts, non me abonda con escribir unha reportaxe cada dúas semanas, verbo dunha exposición, entrevista ou concerto. Preciso ampliar as fronteiras, e non só a nivel temático, mais tamén xeográfico. É por iso, que agora, na descrición deste blogue aparece a palabra glocal.

A primeira vez que escoitei este vocábulo foi da boca dun profesor da facultade de xornalismo. O tan querido como odiado, Manuel Outeiriño.

Non sei se foi por mención de Ulrich Beck ou por divagación, pero o mestre Outeiriño falounos desta amalgama entre globalización e localidade onde ambas instancias se misturan e confunden, a pesares dos (sobre)esforzos por establecer barreiras de carácter cultural que lonxe de arranxar as cousas, —considero— provocan un cerramento prexudicial, que, como xigante con pés de chumbo, desacelera a rexeneración das formas de creación vangardistas.

A cuestión de fondo é que, dado que non existen tribunas institucionais (como as refería Van Dijk en Discurso, poder e acceso) que dean voz á contemporaneidade galega glocal en calquera das súas manifestacións, e dado que somos consumidores (homes heterodirixidos, que falaba Umberto Eco en Apocalípticos e Integrados) expostos a todo tipo de estímulos, sexan estes globais ou locais, e animais políticos e sociais en continua interacción con nós, e co que nos rodea (sexa isto local ou global) e formamos a partires de aí o noso imaxinario persoal, a nosa forma de entender o día a día, en base a ideas próximas na xeografía ou afastadas fisicamente pero moi pretas grazas á globalización; propóñome falar de todos aqueles contidos que resulten interesantes, e que en maior ou menor medida inflúan na visión que gardamos (gardo) do mundo.

Trátase de esquecer categorías (os xornalistas tendemos a estereotipar e a ordear todo en caixiñas con etiquetas no exterior) para ulteriormente formar unha imaxe, senón totalmente fiel, si máis honesta, cun mesmo, e coa lebenswelt.

Trátase, ademais, de combater unha poderosa creadora de significados como é a "nosa" televisión autonómica, onde, como me comentaba unha colega de profesión que traballa no ente público, non se quere falar de "cousas actuais, por que non interesan". É dicir: "intentemos perpetuar un modelo obsoleto, e evitemos que os que nos ven teñan se queira que pensar no que ven e porqué o están a ver".

E a xente acabará por falar coa televisión, mentres lle queiman os libros no pórche.

Este artigo é, en definitiva, un intento por establecer un marco de coherencia entre todos os posts que se publicarán de aquí en diante. A mesma coherencia que mostrou o comisario Valentín Roma ao rexeitar o premio ao mellor proxecto curatorial do 2013 orquestrado por Miguel Cereceda (director do Instituto de Arte Contemporáneo) dentro dos Goyas da arte, RAC (Reconocimiento al Arte Contemporáneo) por que:
«Mi trabajo no tiene nada que ver con esta visión del arte acrítico y amable, heroico y nominal. En un momento de precariedad cultural como éste por el que pasamos no se puede hablar de visibilidad como urgencia, porque hay cosas más importantes que acatar en el arte. Para empezar, la situación laboral precaria del artista.» [...]



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...