12.10.2013

Outra televisión

Teño un problema coa televisión. Mais que coa televisión como plataforma, a televisión como formato comercial. A programación? Mellor non comentala. Os poucos contidos que poderían ser interesantes (e por suposto, hai algún salvable) vense abafados polas insercións publicitarias. Os debates, non son debates reais. Un non pode realizar un debate de forma seria se cando intenta desenvolver un tema o interrompe o moderador pola entrada dun espazo patrocinado pola multinacional X, ou —o que é peor— por un alarido populista dun compañeiro de mesa que só busca o aplauso dun público sen voz nin voto.

Esta escena de Black Mirror recorda inevitablemente ás paredes televisivas descritas por Bradbury en Fahrenheit 451.
Canto tardaremos en queimar libros?
Esta é a cultura casino na que estamos inseridos: prímanse os xogos onde a cualidade se ve asoballada pola velocidade e a cantidade. Asistimos cada día (dende o sofá) a debates (?) entre personaxes de dubidosa reputación cuxo único obxectivo é a busca da ovación fácil que se obtén mediante a mención de frases curtas, demagóxicas, superficiais e que, normalmente, se realizan nun volume de voz in crescendo. Moi en consonancia co discurso político de semántica nula que domina as tribunas ás que acceden deputadxs, conselleirxs, concelleirxs, presidentxs, etc... A forma toma control sobre o contido e escoitamos asercións baseadas en temas máis ou menos de actualidade, intelixibles para unha meirande parte da poboación e que acotío advirten dun perigo cuasi-inminente para a seguridade da cidadanía; isto é, o uso do medo.

Eis que onte —farto deste modelo desinformantivo—, sen querer, e logo de papar case dúas horas dunha película pasable de corte futurista e factura norteamericana, abrín o Facebook e atopeime cun vídeo de Galiza Ano Cero, verbo dun debate que tivo lugar no Culturgal a pasada semana. Nel interveñen: a crítica cultural Ania González (co-directora da revista dixital Plétora), Roi Fernández (de Extramuros, Espazo de Colisións Artísticas), Xabier Alonso (ex-director da Fundación Illa de San Simón) e Jose Manuel Sande (programador do CGAI) nunha conversa sobre: se a cultura e máis feble ca outros sectores (se está sendo maltratada pola administración), o sistema de axudas á creación e visibilización, a Cidade da Cultura (ese burato negro que enguliu as esperanzas de vida do tecido cultural galego) e a utilidade de foros como o Cuturgal.

Grosso modo, as diferentes intervencións permiten debullar a situación actual da creación artística galega, os seus problemas de subsistencia, precariedade, falta de apoio institucional, despotenciación; os erros cometidos por unha administración que non sabe ou non quere saber de xestión efectiva e profesional do eido cultural, a escena cultural galega, a súa situación e prospección de futuro...

O vídeo dura unha hora e vinte. Pero non é de consumición instantánea: poden paralo cando queiran, ir ao baño, ou ir traballar, ou ler un libro. Non está en alta definición, nin hai grandes focos, nin planos dende grúas; non sae Jordi Évole con Anxo Lorenzo, hai algo de background noise e as augas non están en copas; pero tampouco hai anuncios, nin absurdas intervencións de xente que non ten nin idea do que está a falar, nin un interese velado por vendernos algo ou facernos parvos.

É outra televisión.

12.03.2013

Cantas negras vale unha branca ou a importancia do contexto

Xuntar nunha semana un congreso sobre transporte marítimo internacional, un retablo do século XVII cuberto de confetti na mostra remembers de Procesalia 2013; enterarse de que na Cidade da Cultura seguen whenyouliveincompostela.com, pero ninguén chiou cando a puxen de mausoleo ao fraguismo no artigo sobre Gallaecia Petrea; organizar o primeiro Encontro 2.0 días antes de comezar o Culturgal en Pontevedra, e coincidir este último cunha Feira (Cuarto Público) de arte contemporánea exposta en Compostela, compartimentada nas habitacións dun hotel NH; misturalo todo, remexelo, deixalo reposar uns días engadíndolle ao final a presentación dun libro de Xosé Manuel Beiras que leva por título Exhortación á desobediencia, debería dar, polo menos, para escribir cinco ou seis artigos.

Xogando a esa popular aplicación de smartphone na que respondes a preguntas triviais, saltou unha que rezaba tal que así "¿Cuantas negras vale una blanca?", e levaba un apelido "música". A enorme relevancia que gardaba esa connotación valeume, non para acertar, pero si para saber polo menos cal era o sentido da cuestión, ergo, a importancia do contexto. Pois non é o mesmo que a presentación do libro do líder de AGE tivera lugar no aseo da habitación dunha cadea hostaleira, en lugar da libraría Couceiro, ou que a exposición de re-lectura comisariada por Monste Cea se tivese celebrado no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, mentres metían a douscentos empresarios e empresarias do sector naval entre os retablos da Igrexa da USC (con órgano de fondo incluído) bebendo cervexa Peregrina.

Obviamente o contexto conta. Non é o mesmo facer unha feira de arte contemporánea nun pazo, que nun recinto feiral, ou que nun hotel. É mais, non é o mesmo facer unha feira de gando que facer unha feira de arte, que facer unha feira de artesanía. E non é mesmo (e desculpen que xa parezo Alejandro Sanz) vender cadros que vender chourizos; nin é o mesmo que en Madrid o Centro Nacional Reina Sofía colabore coa Fundación de los Comunes na busca dunha nova forma de institucionalidade, mentres aquí unha cadea de supermercados e unha empresa autobusística forman parte dun Padroado que sustenta unha Fundación que financia un proxecto que semella esquecer a importancia do seu contexto inmediato.

Consumir cultura
Co gallo dos recortes producidos a causa da crise económica froito do crash financieiro e inmobiliario (2007-?), e a base de repetir mil veces a mesma falacia, temos todos no miolo que a cultura non é máis ca un parásito que chucha egoístamente das arcas públicas; por iso, dentro dunha sociedade post-post, individualista, pragmática e consumista, a única (?) alternativa para a subsistencia da creación cultural e/ou artística é tratala como industria —kulturindustrie que dirían Adorno e Horkheimer—. Pertence a unha necesidade de clase superior na pirámide de Maslow que podemos deixar ao garete nas augas do mercado neoliberal; xa logo a cultura adquirirá unha forma adecuada para sobrevivir: digamos, por exemplo, unha feira.

Zygmunt Bauman, que admite e considera necesaria a relación amor-odio que sempre se produxo entre os creadores culturais e os xestores e administradores do Establishment, opina:
«Os que son autenticamente novidosos son os criterios que os administradores de hoxe, no seu novo rol de axentes das forzas do mercado máis que dos poderes estatais de construción nacional, implantan para avaliar, auditar, supervisar, xulgar, censurar, recompensar e castigar aos seus pupilos. Naturalmente, son criterios de mercado de consumo que reflicten unha preferencia fixa polo consumo, a gratificación e a rendibilidade instantáneos. Un mercado de consumo que atendese necesidades a longo prazo (por non falar xa de eternidade) sería un contrasentido.» (Mundo Consumo, 2008)


11.17.2013

Encontros 2.0 (sobre)vivir na Rede

Considerar o emprendemento na rede baladí, é cousa do pasado. Pasando de apocalípticos que auguran o colapso dos media 2.0 comparándoos co crash das punto com de comezos deste século, nós, os integrados, os que pretendemos e queremos (sobre)vivir da rede, seguimos encirrados no mantemento de blogues, xornais dixitais ou canles de TV online; non só como un medio de subsistencia, senón tamén como unha alternativa á subtracción e deconstrucción que se produce acotío nas plataformas de (in)comunicación —agora xa— tradicionais. Debatir, xulgar o estado real das novas formas de emisión, difusión e comunicación, así como o financiamento das mesmas, é o obxecto do vindeiro Encontro 2.0. que organizo en colaboración co Kunsthalle de Compostela.

Nesta primeira edición (que terá lugar o 27, aquí o evento) os convidados para abrir o debate serán o xornalista David Lombao, actual director de Praza Pública (www.praza.com), Felipe Rivero de Aguilar enxeñeiro, blogger e responsable de www.uruloki.org, e a realizadora Cora Peña que está rodando O Tesouro de Corcoesto, un documental sobre o impacto da megaminería en Galicia, e que está a realizar unha exitosa campaña de crowdfunding para financialo.


Concepto:

Encontros 2.0 quere ser un lugar de xuntanza onde se discutan os retos que os profesionais
e amateurs da información/comunicación/entremento atopan para soster medios (da índole que sexa) no mutable e diversificado mundo da Internet. Ao evento, con intención de ser mensual, serán invitados media dixitais que exporán a súa traxectoria e modelo de traballo ante os asistentes e colegas con intención de abrir o debate, e intentar dar resposta, as seguintes cuestións:

Permite a Internet a creación dunha empresa/proxecto de información multimedia • sostible no tempo? Ou pola contra, a diversidade e fugacidade dos contidos dixitais, o modo no que os usuarios consumen información e cantidade da mesma fai imposible a permanencia na Web a longo prazo?

Cales son as vías de actuación para crear a devandita • sostibilidade? Cal é a vía de futuro? A debate a especialización versus os portais agregadores de novas; a investigación
fronte a recollida tradicional da actualidade informativa; os contidos de pago e os contidos de balde; a publicidade e a subscrición...

O • feedback dos usuarios: os comentarios dos lectores/espectadores permiten enriquecer
a información ou son intranscendentes? O caso dos trolls.

É o medio dixital o idóneo para a publicación de contidos extensos e complicados? Cal • é o mellor formato para ditos contidos?

Na busca de financiamento: o • coworking e o crowdfunding; ferramentas para a sostibilidade ou para a precarización da produción de contidos?

10.31.2013

Cara a unha saída democrática da crise (cultural)

En numerosas ocasións, sen decatármonos e case acotío, aplicamos ao que nos rodea, apelativos, que, ben a causa dunha execución pouco escrupulosa, ben por unha desatención deliberada, perderon o seu significado orixinal.

Son contedores, que dada a asimilación xeral do que en aparencia son, non son sometidos a maior inspección nas aduanas do pensamento. Deste modo, seguimos (seguen dende os media e o Establishment) chamando á nosa atención sanitaria «pública» cando non o é, nin o foi nunca. Seguimos (seguen) a falar de educación «pública» coma si o seu simple nomeamento outorgase á entidade un carácter de acceso universal a custe cero.

Seminario «Hacia una salida democrática de las crisis» no Paraninfo da Facultade de Historia. | PAULA IGLESIAS

Diversas voces advertiron antes e despois da crise crediticia do paulatino desmantelamento do Estado do Benestar. Zygmunt Bauman, o meu sociólogo de cabeceira, escribía isto en 2005 (Archipiélago de Excepciones):
«O Estado contemporáneo non pode seguir a cumprir a súa promesa de Estado social, e os seus políticos xa nin sequera a repiten. As políticas que o Estado contemporáneo pon en marcha presaxian, pola contra, unha vida máis precaria e cargada de riscos que fará necesarias políticas aínda máis arriscadas e imposibilitará case por completo calquera proxecto de vida consistente. Os políticos dos nosos días piden "maior flexibilidade" aos seus electores (o que equivale a pedirlles que se preparen para as inseguridades aínda maiores que se aveciñan).»
No que ten que ver coa nosa cen veces loada Seguridade Social —entre os eloxios, por comparación, o de Michael Moore en Sicko (2007)— cabe mencionar que a súa estrutura lexislativa tivo por contexto de redacción o ano 1968, aínda baixo o réxime ditatorial de Franco. A súa sanción, agora recollida na nosa actual (e pretenden inalterable) Constitución do 78, deixou, pola súa ambigüidade, numerosos ocos. E non é materia de experto. Os recortes de agora, os das vacas esmirriadas, puxeron en evidencia que o Executivo de Rajoi está disposto a utilizar calqueira loophole para cinguir, ao máximo, as prestacións e asistencia social, aos (mal)interpretables límites impostos polo seguinte texto (tradución do castelán): 
Artigo 41 «Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para todos os cidadáns que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade, especialmente en caso de desemprego. A asistencia e prestacións complementarias serán libres.» 
Penso que non é necesario un amplio coñecemento lexislativo para decatarse de que a redacción non quere ir «demasiado lonxe». Por iso —non quero non pensar— mentres a burbulla inmobiliaria crecía non saíu á palestra mediática a atención médica de inmigrantes (ir)regulares, e poucos se queixaban —si é que algunha vez o escoitaran— do chamado «turismo sanitario». Por iso, tamén, agora, que xa todo estourou nos nosos tellados, se aplican restricións de todo tipo en aras do austericio (colectivo). E, se todo estivo ben (?) mentres só lles tocaba aos que viñan de fóra (os outros), cando sacaron a afeitadora para os autóctonos, púxose de punta máis dun pelo:
Os maiores de 26 anos que non cotizaran nunca terán que declararse sen recursos para non pagar a sanidade. Non terán dereito á atención sanitaria non urxente salvo que acrediten estar por debaixo dos ingresos mínimos. [...]
A perda (se é que podemos perder algo que nunca tivemos) da res publica a mans da res privata, intensificada na última década pola crise financeira e inmobiliaria, obríganos, ou ben a reter o que nos queda, ou a buscar alternativas. Perdido o público, só nos queda —quizais— buscar o común.

Cara a unha saída democrática da crise (cultural)
O antes inferido tivo como motivo un seminario realizado a finais de setembro no incomparable marco do Paraninfo da Facultade de Historia, en Santiago de Compostela. Entre asentos textura granate, pan de ouro, e a atenta mirada dos rectos retratos e inspiracións plasmadas no teito e paredes, transcorreu un xogo organizado por Ania González e Horacio González, onde os participantes tiñan moito por ganar e pouco por perder. Sen ánimo por perderme nas formas (aínda que quizais sexa tarde para escusarme), o fondo do que alí se falou baseouse na presentación da Fundación de los Comunes (FDC), polo sociólogo e doutorado en Historia, Emmanuel Rodríguez e a politóloga Marisa Pérez Colina, xunto a diversos representantes de institucións culturais independentes e públicas (presentadas na convocatoria e actas por orde alfabético —tamén aparecen as que non puideron ou non quixeron asistir—), baixo o nome de «Hacia una salida democrática de la crisis».

Sesión de traballo do seminario onde participaron institucións públicas e independentes. | PAULA IGLESIAS

A intención? Grosso modo: traballar na promoción dun espazo para as novas formas de institucionalidade en Galicia, tomando como referente a FDC, presentando propostas concisas de colaboración entre amigos e estraños, acordando a realización das mesmas para evitar que as leve a corrente e acadar a consecución de polo menos un dos acordos; todo isto coidadosamente redactado e pensado dentro de seis marcos de actuación, entre os que podemos destacar o informal baseado no acordo verbal:
«Para evitar as dificultades burocráticas que supón a ratificación de convenios e permitir a participación de institucións sen personalidade xurídica, escolleuse o acordo verbal para os acordos de colaboración que, aínda baseada na confianza entre partes, ten validez xurídica no marco da lexislación española.» [...]
O exposto ao comezo desta crónica, que obvia deliberadamente a estruturación tradicional de pirámide invertida (que en xornalismo é paradigma da organización do texto do máis, ao menos importante —aínda que xa me dirán que sentido tería isto se o que vén de seguido é pura palla) son impresións derivadas da ponencia que realizou Marisa Pérez, verbo da Fundación e o ben común. A súa invitación brindounos unha mostra do modo no que os xestores culturais de estampa institucional pública poden traballar cos colectivos non institucionais —en maioría auto-xestionados e de carácter independente (en tanto en canto non dispoñen dunha liña fixa e orzamentada de erario público)— xa que o Padroado da Fundación de los Comunes está constituído por asociacións como Metrolab, a Universidade Nómada, Traficantes de Sueños, e o Ateneu Candela, amais de diversos colectivos, centros sociais e proxectos que se estenden por toda España e que (e aquí vén o público) colabora co Reina Sofía no deseño —e cito, e traduzo— «dunha nova institucionalidade participativa e transversal». Segundo se recolle na acta a este respecto: 
«Respecto as relacións interinstitucionais das que a Fundación participa Marisa informa do convenio que teñen asinado co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en virtude do cal teñen acordado un marco de colaboración de cinco anos de duración e a elaboración conxunta dun programa de actividades. Pon como exemplo a última das actividades que están a organizar: un encontro europeo para a a reflexión e a construción común dunha alternativa política posible que consistirá na reunión dun grupo de pensadores políticos internacionais, a creación duns grupos de traballo e a celebración dunhas xornadas de portas abertas»
Neste intre tiña a palabra Silvia Longueira, naquel momento directora da Fundación Seoane. | PAULA IGLESIAS

Lamentablemente tan só puiden acudir unha tarde ao seminario, de aí o recurso ás actas, a pesares de que as xornadas duraron tres días con sesións matutinas e vespertinas. O colofón produciuse o xoves pola mañá —día no que foron tomadas por Paula Iglesias as fotografías que acompañan este artigo— cando por fin estiveron cara a cara os independentes e os institucionais, xunto ao organizadores do seminario e a Fundación de los Comunes, nunha sesión de traballo que tivo por obxecto a presentación da FDC, unha análise do contexto cultural galego, e unha toma de acordos arredor dunha serie de propostas concretas entre as que se atopaban:
«Que a Cidade da Cultura de Galicia promova e difunda as actividades das distintas institucións culturais galegas mediante a creación dun espazo na súa páxina web que, baixo o título de Interinstitucionalidade, recolla unha selección de actividades que previamente sexan comunicadas por correo electrónico ao departamento de comunicación da Cidade dá Cultura de Galicia.» [todas as propostas aquí]
Corolario
A día de hoxe, un mes despois de que o seminario tivese lugar, ningunha das propostas foi realizada, se ben a posta en común obtivo, segundo a organización, un resultado positivo. Espero, porén, que a medio e longo prazo (pois os cambios trascendentes levan o seu tempo) o seminario e o alí discutido dea os seus froitos, a pesares de que noticias como a cesión —cun cheiro inevitablemente partidista e político— de Silvia Longueira, ata hai unha semana directora da Fundación Seoane, nos recorde quen manexa esta oligo-barca, que á deriva nos leva.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...