5.12.2013

As micro-vidas d'A Regadeira de Adela


Mentres os clientes permanecen sentados, na rúa, nunha mesa, nun bar (o Embora), en Compostela, bebendo unha cervexa, Olaia berra: "primeiro pase en cinco minutos". Os consumidores, avezados ou non a este tipo de espectáculos, érguense e, sen deixar a súa bebida, entran na casa. Entran n'A Regadeira de Adela. No seu peto, ou na súa man, gardan chaveiros de cores.

Unhas escaleiras estreitas alfombradas guían o paso e deixan aos asistentes nun acolledor recibidor vixiado por diversas portas, pechadas, que conducen, non a habitáculos, mais a micro-vidas. Deixan a cor precisa a Olaia. E tras petar na porta, comeza o espectáculo.

En cada cuarto a barreira que separa o real do finxido, dilúese. Cando os asistentes cruzan o limiar, os actores non están, convertéronse nunha sorte de idea, de concepto. No micro-teatro, actores e público expóñense para ser quen de (por medio dunha catarse, dunha mimetización, dun deixarse levar) vivir unha vida dentro doutra, unha metavida; para experimentar sensacións e accións das que a vida cotiá non podería conta.

Victoria Pérez durante a micro-obra Mr. X

A Regadeira comezou o seu periplo en novembro do 2012 —da man do bilbaíno Alfonso Medina, do coruñés Antón Coucheiro e da ourensá Olaia Tesouro— como lugar de encontro para os axentes de creación; como, dalgún modo, consecuencia da perda da compostelá Sala Nasa, e como modo de supervivencia para unha arte, a do teatro, cada vez máis ameazada polos recortes de financiamento público.

Momento da actuación de Funboa Escénica con Anoter Espectacle.

Se ben vivir do teatro tradicional é complicado, do micro-teatro non resulta máis doado, como admite Alfonso durante a nosa entrevista —nun galego, que moitos políticos galegos envexarían, ou deberían envexar—. Pero eles seguen alí, o proxecto vai con vento en popa, con pases de mércores a venres a partires das 20.30,  e cun público que está a responder positivamente. A xente anímase a acudir a este tipo de obras pola duración, polo prezo ou pola novidade (quizais a consecuencia do modelo de consumo do actual status quo, motivo da histeria austerística colectiva...). "Son coma tapas", comenta Alfonso, que veu do mundo do circo e que estivo traballando en Londres e Madrid, "quince minutos cada unha", aínda que se espera, produzan unha sensación máis duradeira no espectador.

Comedias Frescas representando 12 Minutos

O noso paso (o meu, e o de Paula Iglesias que se encargou de documentar a nosa visita) foi coma un golpe de auga fresca na cara. Saímos das tres micro-obras —Funboa Escénica con Anoter Espectacle, Comedias Frescas con 12 minutos, e Milo Taboada con Victoria Pérez en Mr. X— con moita enerxía. É unha catarse moi interesante, polo preto que están os actores, pola atmosfera, e por que como audiencia debes, en diversas ocasións, ser activa, e participar da meta-realidade creada polos actores.

Corolario | Vida líquida
O micro-teatro non é unha tendencia nova. Pero iso para culturadeseu nunca foi óbice, nin motivo de descarte. A novidade pola novidade e a actualidade son dous endemoñados criterios xornalísticos moi acordes cos tempos que corren: a obsolescencia programada, o cambio polo cambio, o fast-forward... Pero, como afirma Zygmunt Bauman (Vida Líquida, 2005):
"A cultura, por dicilo así, apunta «máis alto» que calquera cousa que nese momento pase por ser «a realidade». Non lle atinxe o que se incluíse na orde do día nin o que se definise como imperativo do momento; aspira cando menos, a transcender o impacto limitador da «actualidade» así definida e pugna para liberarse das súas esixencias."
Quizais sexa o micro-teatro o output dunha sociedade demasiado ocupada (asaltada, anegada pola [des]información) para deterse demasiado tempo no mesmo lugar, por medo a pasar de moda. Quizais sexa un modo de consumir arte. Quizais, unha forma de rendibilizalo. Non o sei. Pero ultimamente teño a impresión de que todos somos a Alicia á que Lewis Carroll lle advertía que «fai falta correr todo canto unha poida para permanecer no mesmo sitio. Se se quere chegar a outra parte hai que correr polo menos dúas veces máis rápido».

P.D.: non vos esquezades de mirar a programación de A Regadeira de Adela aquí. Para os que estades por A Coruña tamén podedes asistir a obras de micro-teatro na La Tuerka 27.

4.04.2013

A forza de Wily e a teima de Ángel

O comisario Ángel Calvo Ulloa no Kunsthalle.
Nunha tarde tipicamente compostelá onde a chuvia cae cando quere e o sol nin se molesta en saudar, vinme co comisario (de arte) Ángel Ulloa Calvo (Lalín, 1984), na denominada taberna contemporánea de nome xermano, Kunsthalle. A razón? A súa labor cunha exposición sita no Fac Peregrina verbo do artista lalinense falecido hai sete anos, Wily (Antonio Taboada Fedarás, Lalín, 1962-2006).

No papel, deberían ser as administracións, aqueles lugares de financiamento público, as que se encargarán, e tiveran a responsabilidade de deixar constancia, de falar, de achegar á sociedade a obra, cultura (output) dos actores e axentes que producen e traballan na súa contorna. Porén, son os proxectos de inversión mínima, de iniciativa privada e sen ánimo de lucro, os que en diversas ocasións se fan cargo desta responsabilidade para coa cultura, que outros —a pesares de seren remunerados por todos nós para tal fin— fail to accomplish, é dicir, non logran acadar.

É a eterna disputa entre administradores e administrados, coma explica un dos grandes pensadores da nosa época Zygmunt Bauman —pouco coñecido dado que está vivo—, no seu ensaio Mundo Consumo: 
«O choque entre estas dúas perspectivas e narracións (caracterizado por un antagonismo que bule baixo a superficie e, de vez en cando, adquire carácter de conflito aberto) é inevitable. Non se pode impedir que saia á luz nin se pode pacificar a partires dese momento. A relación entre administradores e administrados é, intrinsecamente, agonal: ambas partes perseguen dous fins opostos e son só capaces de convivir nun ambiente conflitivo, infectado pola suspicacia e disposto para a batalla.»
Mais, comprender isto, e compartir máis ou menos a opinión do sociólogo polaco, non quere dicir que a administración non deba actuar comme il faut, só polo feito de que o seu papel adoite ser o de antagonista dos traballadores da cultura. Pero nalgúns casos, non é que non axude, é que estorba, xa que como sostén Ángel Calvo "a administración local e a Deputación de Pontevedra entorpeceron a restauración e conservación da obra de Wily", desentendéronse do asunto facendo gala da súa procrastinidade, "cando a familia xa tería restaurado a obra antes".

Ao buscar na Internet vemos que, de nón ser pola actual exposición no Fac Peregrina, a última nova sobre Wily é a colocación dunha das súas obras nunha rotonda en Lalín, no 2007. Seis anos despois, ante a pasividade funcionarial foron os seus achegados (Asoc. de Amigos da Obra de Wily) quen decidiron tomar as rendas e asegurar non só a conservación da obra de Wily, senón a súa restauración, exhibición e posta en valor.

Wily | Forza ingobernable
Así se chama a exposición que acolle o furancho de arte contemporánea sobre Wily, e que rematará este venres día 5, a partires das 18:00 horas cun encontro con Alberto González Alegre e Miguelanxo Rodríguez, verbo da figura do artista.

Inauguración «Wily | Forza Ingobernable» no Fac Peregrina.


Segundo afirma o comisario da mesma, Ángel Calvo, o Fac, semellou o lugar idóneo para poder realizar esta mostra, esta homenaxe, xa que as dependencias do lugar aseméllanse moito ao estudio que tiña o artista falecido. Cerca de A Peregrina poderemos ver algunhas das obras que se trouxeron dende Lalín, e que están mellor conservadas, aínda que quedaron atrás máis de 80 pezas da colección de Wily, que con sorte serán restauradas e algún día verán a luz do público. Non tiven a oportunidade de velas en vivo por motivos laborais —deses nós que, polo menos, che prometen remuneración—, e por iso non vou soltar catro adxectivos ben traídos. Sei que son Totéms de madeira, policromados, e que se fixeron cunha motoserra, un proceso de traballo que se convertiu na marca persoal de Wily. Son a mostra da súa forza ingobernable.

Disparo de Advertencia do comisario
Amais do seu traballo curatorial coa obra de Antonio Taboada, Ángel Calvo Ulloa realizou xa diversos proxectos e moitos deles con presuposto cero, e de forma autoxestionada. Entre eles está o de Disparo de Advertencia que tivo lugar en Lalín no 2011, con seis artistas que realizaban unha instalación en diversos lugares públicos da vila (ou cidade?) e que a deixaban alí durante 48 horas.  Financiada coa venta de múltiples de artistas.

Cabe destacar Diálogos Improbables (que deu comezo a finais do ano pasado e segue en activo) onde se xunta durante dúas horas nun espazo pechado a obra de dous artistas, cuxas liñas de traballo sexan diverxentes, nun intento por crear unha dialéctica controvertida entre ambas. Proba do esforzo recaudatorio e teima de Ángel foi o financiamento do catálogo deste proxecto mediante crowdfunding (co que acadou máis de 2.500 euros).

Ante a impasibilidade dos administradores, que se atopan nunha espiral de auto(in)xestión que provoca un crowding out, conseguir financiar un proxecto cultural é todo un reto. Pero a mala situación non é escusa. Afirma Ángel, na nosa entrevista, que agora que "levamos tanto tempo acostumados a que non haxa cartos para nada, e aínda así seguimos comisariando e creando eventos, que cando veñan os bos tempos, se é que veñen, imos ser a [hostia]". E ten razón. Se con nada, traballamos coma burros, e desbarramos buscando calquer vía de financiación; cando abran a billa ou afogamos ou facemos un encoro para non quedar outra vez sen auga. 

4.02.2013

Así foi o Rolling Over 2013

Nestes tempos no que o crowding out está a provocar un serio déficit de inversión pública na cultura —iso, e tamén a Cidade da Cultura— a aposta persoal do xerente do Twist & Shout, André Sánchez, foi a responsable de financiar máis de trinta concertos no que leva aberta a sala (pouco máis dun ano) e pódese dicir tranquilamente e sen dubidar que fixo máis pola cultura musical non-comercial de Ogrove e arredores, neste período, que a administración local en moito tempo —isto, se é que coincidimos en que Karina e a Panorama, son parte do mainstream, claro—.

Nesta liña foi deseñada a segunda edición do Rolling Over no Twist & Shout Club, e despois de dous días intensos, podemos afirmar, que o resultado foi positivo. Programar este tipo de eventos sempre acarrexa un risco que poucos están dispostos a asumir. A medida que se achegaba a hora de apertura de portas tanto o xoves 28, coma o venres 29, os nervios aumentaban. Pois un nunca sabe canta xente vai a acudir á chamada da selva.

Bruno T Ford. Por: Cristina Barcala
Por sorte tanto unha xornada como a outra foi acollida con agarimo e atención por parte do abundante público que asistiu aos catro concertos. Non só foron mecos, que son os habituais da sala, senón que o período estival animou a xente de varios recunchos de Galicia (e ata de Portugal) a facernos unha visitiña.

1;
Coma seguro xa saben moitos dos lectores —por que estiven a dar a vara durante un mes— os encargados de pór banda de son á primeira xornada foron Flip Corale y los Macabros xunto con Bruno T Ford. Logo foi a miña quenda como DJ, —Manu Tf para servirles—, e procurei facer mover o cu a todo mundo, como de costume, cunha pinchada ecléctica (de The Sonics, pasando por Two Door Cinema Club e rematando con Brooke Candy; e concedéndolle a un portugués un tanto insistente Ace of Base; e por certo, grazas a Cristina Barcala por sacarme unhas fotos mentres eu poñía copas).





2;
Se a primeira xornada foi rica e abundante, tanto en festa, como asistencia, e calidade musical, a segunda non podía ser menos. Da man de Lendrone comezou —tarde, coma de costume, por que en Galicia se dis que ás once, é ás doce— a noite do venres 29 do mes de Marzo, facendo vibrar a sala co seu LP UNO (que podedes escoitar, como os anteriores, no bandcamp). E logo viñeron os aclamados Unicornibot, que coma Bruno T Ford, e os de Lendrone, xa estiveran connosco en Ogrove, pero volveron para dar máis guerra, ante un público, que coma se baixo os efectos dunha ménade estivese, bailaba e berraba extasiado —non é que fora unha bacanal, isto son licenzas literarias que me permito—. As fotografías que veñen de seguido foron tomadas por moi, e as mellores, pola nosa colaboradora Paula Iglesias.









Despois de Unicornibot instalouse na cabina o gran Nano Vinilo DJ, por todos coñecido polos anos que estivo de residente no pub meco Vinilo. Realizou unha pinchada que repasou varios estilos, e non deixou que a xente descansara un segundo, cunha destreza máis que traballada no indietronic. Cando rematou a sesión con Oasis, con Whatever, pensou que rebentara un das pantallas de son: "Nano, non te preocupes, que senón rebentaron ata ajora, malo sería que rebentaran con Oasis".

Se queredes ver máis fotografías podedes atopalas no facebook de Culturadeseu, ou do Twist & Shout, iso así a partires de mañá (día 3 de abril).

Bye, bye, hasta otro ratito.

3.26.2013

As Palabras Secretas

Nos tempos que corren resulta doado afastarse do mundo verde. A continxencia bótase a un lado e necesariamente semellamos mergullar a caluga nas sempre trémulas, nunca quedas, augas da vida vicaria —en tanto non directa— contemporánea. Mediados por sempre pola tecnoloxía para acudir a unha realidade virtual, que si ben se solapaba, agora suplanta durante horas á física e presencial realité. 

Porén, seguir o devir do acontecer non devén en pecado mortal para o ser, pois segundo andamos, así nos construímos, poñendo un naipe enriba doutro. Mais mirar cara adiante, ou cara aos pés dun, ten por consecuencia esquecer o que fomos, ou cremos ter sido. Aquelas costumes e calidades do que nos rodea que á lixeira matamos e enterramos co corpo aínda quente, e sen deixar sequera unha campá, por se as moscas.

Ana Lois Gómez, na presentación de As Palabras Secretas en Vigo, na Cova dos Ratos.

Con Ana Lois Gómez, motivo desta entrada hipertextual, compartín lugar de traballo hai uns anos, nun ente que todos coñecemos como TVG, e onde ocupou cargos de dirección e edición de informativos. Xa daquela me decatei da súa paixón pola terra; polas historias que por estar moi preto, semellan pequenas e intranscendentes. Son eses relatos que non teñen cabida na filosofía actual do fast-forward continuo. Son esas palabras que cremos ter aprendido pero, non mais velas, decatámonos de que, delas, xa non temos idea.
«Creo que a idea leva aí varias xeracións porque a miña bisavoa xa preparaba herbas medicinais para ter abastecida a toda a súa familia durante o ano. Eu non a coñecín, pero herdei dela o nome e seguramente tamén a paixón pola medicina tradicional. De pequena pedín un anaco de xardín para plantar xarxa e menta. E a primeira reportaxe que fixen como exercicio cando comecei xornalismo foi entrevistar  unha sabia hoxe falecida. Pero nunca tomei moi en serio esta fascinación pola medicina tradicional ata hai dous anos. Foi unha amiga a que me falou de dúas señoras de Muros que quitaban o mal de ollo. E eu, que son curiosa, funas visitar só por ver como facían. E fascinoume tanto que decidín gravalas, sen saber moi ben que ía facer con ese material. Entrevisteinas e deime conta que todo iso do que elas me falaban estaba a piques de desaparecer. Así que empecei a gravar persoas que bendicen e a facer pequenas pezas documentais con ese material. Así naceu www.palabrassecretas.com . Algúns dirían que foi "por casualidade". Segundo a miña avoa é o meu "sino".»
As Palabras Secretas non é unha páxina de remedios naturais nin de terapias alternativas. Trátase dun proxecto que quere recoller rituais de sanación utilizados na cultura galega que ao romperse a cadea de transmisión oral inter-xeneracional, se atopan en perigo de extinción:
«Os vellos non transmiten a súa cultura porque durante moitos anos lles fixeron crer que non valía, igual que falan castelán cos netos porque lles fixeron crer que o galego era de pailáns. Devolverlle a dignidade ós maiores é o único xeito de que empecen a contar cousas e de que nós reconstruamos a nosa cultura. Non importa se son remedios tradicionais ou contos de lendas. Creo que os que recollemos deberíamos facer sempre as estreas dos proxectos nas aldeas nas que traballamos e permitir que os nosos informantes reciban aplausos diante de tódolos veciños.»
Ana Lois tamén quere deixar a súa semente alá por onde pasa. Por iso implica aos cativos, familiares: "Os máis novos da casa alucinan porque son por primeira vez espectadores de algo que non coñecían a pesar de telo tan preto. A fin de semana pasada entrevistei unha señora en Tomeza. O seu neto, duns 10 anos, tivo os ollos como pratos durante todo o tempo. E cando ela sacou un alicorno dun caixón, o rapaz case deu un brinco."

Presentación de As Palabras secretas en O Peso, A Lama.

Cun proxecto de presuposto 0, auto-xestionado, e contando de cando en cando coa colaboración de colegas de profesión e amigos, esta experimentada e curtida xornalista recolle vídeos case cada semana, para facer a súa mediateca o máis ampla posible. As súas viaxes non están exentas de anécdotas, e na nosa entrevista comenta que un vello de Lalín lle propuxo matrimonio, unha señora maior en Cervantes queríaa arrexuntar co seu fillo, e en xeral, as mulleres sempre lle queren mandar comida:
«Á beira do río Verdugo, buscando información sobre os bautismos prenatais, pasoume algo moi significativo. Preguntei nunha casa se sabían algo dos bautismos que se facían na ponte de San Lourenzo e o mozo que saíu á porta miroume como se estivese tola. Dixo que alí non se facía nada diso. Entón eu inistín preguntando se había algunha persoa maior na casa que puidese saber do tema. E el responde: está a miña avoa, pero xa che digo que diso non se facía nada e que ela non sabe do asunto. Entón eu pido que saia a avoa e o rapaz xa me mira un pouco peor. E cando sae a señora e lle pregunto, ela empezou a contar a historia dos bautismos prenatais diante das fillas, dos netos e dos bisnetos que a esa altura xa estaban de porta afora observándome. Contoume como era todo o ritual e, ó acabar, o neto díxolle: Pero usté nunca nos falou diso. E ela respondeu tallante: Vós nunca me preguntastes.»
Se As Palabras Secretas é algo, non é un incentivo á suplantación da medicina por curandeiras, pois como comenta a súa creadora "a xente que entrevisto non deixa de ir ó médico nin tomar os seus medicamentos". Tampouco é publicidade de balde para quen se lucra mediante estes rituais, "os nosos protagonistas non son profesionais da medicina popular. Só son persoas que coñecen e fan uso da tradición e que amablemente queren compartila con nós". Nin son rituais da chamada Galicia Profunda pois "estes ritos practícanse en todas as nosas cidades. Vigo e Coruña están cheos de bendecidoras e nas súas salas de espera agardan tamén mozas con iPhone e con bolsos caros".

Porén, é a recollida e constatación dunha realidade que fica invisible pola súa proximidade e suposta intranscendencia, e que a súa creadora non xulga, pois iso queda nos ollos do espectador.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...