3.18.2013

Wily | FORZA INGOBERNABLE


Este venres 22 de marzo ás 18:00 h. o FAC Peregrina abre a súa terceira temporada coa montaxe expositiva na modalidade de FAC Convidadxs: WILY FORZA INGOBERNABLE comisariada por Ángel Calvo Ulloa, coordinada pola Equipa FAC e producida pola Asociación de amigos da obra de Wily. Un proxecto de especial pertinencia e importancia polo apoio e visibilidade que supón para a tarefa de investigación e recuperación material da obra do artista Antonio Taboada, Wily; unha responsabilidade para coa Historia da Arte Contemporánea galega á que o FAC Peregrina non quería faltar. A montaxe expositiva compleméntase cunha publicación, unha sesión de imaxes, poesía e música de Wily con Benxamin Otero e Celso Fernández Sanmartín o venres 29 de marzo e o encontro “Forza ingobernable” con Alberto González Alegre e Miguel Anzo Rodríguez o venres 5 de abril, ámbalas dúas actividades a partir das 18:00 no FAC Peregrina.

Penso que non é preciso introducirvos no que é o FAC Peregrina. A súa traxectoria coma espazo proxecto-artístico camiña en gran medida paralela a CULTURADESEU. Co permiso dos seus responsables déixovos o texto curatorial, para saberes máis sobre Wily:

WILY | FORZA INGOBERNABLE

Ángel Calvo Ulloa
Wily, ou Antonio Taboada Feradás, (Lalín, 1962-2006) pertenceu con tódalas súas consecuencias a ese período de entreguerras que a arte galega viviu entre as décadas dos oitenta e os noventa do pasado século. De formación autodidacta, cun carácter que o achegaba ás figuras protagonistas do denominador común de Atlántica, os seus ollos miraron de xeito uniforme cara Europa e Norteamérica, mesturando unha información que chegaba a contagotas. Herdeiro desa forza ingobernable do salvaxismo alemán, a planitude do seu cromatismo e a temática terá máis que ver cos primeiros traballos de figuras coma Claes Oldenburg -xigante do pop norteamericano que asinou uns comezos a medio camiño entre o xestual e o perfeccionamento industrial das formas que desencadeou co paso de tempo-, malia que o resultado formal do traballo de Wily sempre nos recorde nun primeiro momento ao xesto impulsivo de Georg Baselitz ou, cara a América novamente, aos grafismos torpes e espontáneos que Jean-Michel Basquiat ou James Brown desenrolarán xa nos oitenta.

Músico de vocación, pero cos ollos postos na poesía e na plástica, vai ser este campo ao que dedique boa parte da súa vida. Esculturas realizadas a motoserra, de inquietantes proporcións que ollaban dende as alturas con faccións esquemáticas, pero cheas de expresividade.

A súa chegada non pode ser máis prometedora, en 1986 acada o terceiro premio da Bienal de Escultura da Fundación Araguaney e en 1988 será seleccionado para a segunda edición da xa paradigmática mostra itinerante Novíssimos –mostra na que neses anos participarán tamén Guillermo Aymerich e Armindo Salgueiro entre outros-, organizada polo Concello de Ferrol e que suporá un altofalante para unha xeración de artistas que nacían baixo a abafante sombra de Atlántica e que pelexaban sen rumbo fixo cara á superficie. A década remata coa concesión dunha bolsa de Novos Valores e diferentes premios cos que viaxará a Alemaña en 1991 movido polo seu crecente interese pola escultura alemá.

Durante os primeiros anos da estreada década dos noventa verá exposto o seu traballo na Bienal de Pontevedra do 1992 -na colectiva dedicada aos bolseiros da Deputación de Pontevedra-, e de xeito individual na Galería Sargadelos (Santiago de Compostela) e na Casa das Artes (Vigo) –espazos que supuxeron durante aqueles anos un piar importante para unha renovada xeración de artistas-. En 1995 élle concedida unha beca de formación no estranxeiro coa que pasará en Florencia nove meses. A súa escultura da un xiro importante naquel momento pero os seguintes anos ese apoio inicial apágase e o seu nome deixa de aparecer nas exposicións que marcaban a liña a seguir pola arte galega. En 2005, o equipo de Metrópolis da TVE visita o estudio de Wily para gravar unha entrevista con Susana Blas. Outsiders será o título deste primeiro programa dedicado a seis artistas que, máis alá da súa importancia, crean lonxe do mercado da arte e das tendencias imperantes. Figuras como o poeta Dionisio Cañas ou o pintor EVRU serán outros dos artistas incluídos nesta serie.

En xuño de 2006 falece atropelado por un tren na súa parroquia de Botos. Ás condolencias e ao balbordo inicial ségueo o silencio incómodo do esquecemento por parte das institucións que anunciaran a posta en valor do seu legado.

Dunha orixinalidade e sutileza difícil de atopar noutros artistas do seu momento, a frescura e a carencia de convencionalismos á hora de traballar xeraron unha riqueza na linguaxe formal que Wily foi variando segundo os seus intereses cambiaban.

A vida de Wily é a vida dun ser independente, que medrou admirando a quen en moitos casos o subestimou e que hoxe, sete anos despois da súa morte, resulta ser unha figura de profunda actualidade, autor de obras nas que o paso do tempo segue a xogar no seu favor. Artista universal afastado de prexuízos, lonxe dos sentimentalismos que afloran trala morte de alguén querido, o valor artístico da súa obra obriga a deterse e reivindicar unha figura esquecida que operou baixo o salvaxe impulso dunha forza ingobernable.

*Imaxes: Damián Paio e Miguel Calvo.

3.13.2013

Volve o Rolling Over


Esp
Hai xa un ano que deu comezo o periplo do Twist & Shout Club (Ogrove) no seu intento por dar acollida ao panorama musical emerxente de Galicia, e do resto de España. Hai, pois, un ano que publicábamos esta entrada: 'Rolling Over: o rexurdimento'; agora, tras rexurdir, toca consolidar.

Nesta sala meca pola que pasaron un sen fin de grupos (Telephone Rouges, Unicornibot, Lendrone, Metralletas Lecheras, Los locos hongos, Músculo, Cró!, Haecceidad, Sr. Anido, Mullet, Fantasmage, Bruno T Ford, Salvation Army, The Soul Jacket, Pájaro, The Allnight Workers, The Phantom Keys, Los Chavales, Los Thyssen, Instrumental Querido Watson...) presenta para esta semana santa un cartaz divido en dous días a modo de microfestival que pretende dinamizar unha rexión e un pobo que ben precisa de alternativas de ocio, e 'consumo' cultural, que estean afastadas do circuito comercial.




Manu Tf DJ



Unicornibot


Lendrone

Nano Vinilo DJ



3.06.2013

Apash, os de fóra


Coñecín a Cora Peña hai cousa dun ano.
Ambos acudiamos dúas veces á semana a un curso de inglés aplicado á industria audiovisual. Conforme as clases foron avanzando e os asistentes nos iamos coñecendo, soubemos que Cora pasara dous meses entre indíxenas awajún, na ribeira do Alto Marañón, no medio da Amazonía. Acompañada polo empresario galego Antonio Abreu —que perseguía o soño de atopar ao descendente do emigrante emprendedor Alfonso Graña— e traballando como muller-orquestra (direción, guión, montaxe, produción...) dentro do que ela mesma describe coma un trance que a axudou a superar a fame e a falta de soño, Cora deixouse levar pola historia dun pobo indíxena que leva anos loitando contra a cara máis cruel da globalización, e de forma maxistral, reuniuna e contouna no seu documental 'Apash, os de fóra'. 
"[...] ao principio cría que ía ir máis a pola historia de Alfonso Graña, o suposto 'rei dos xíbaros' dos anos 30, aquel galego sorprendente. Logo, tras algúns meses investigando, convencinme de que a historia de Graña non só era carísima de documentar, tamén era obxecto de desexo doutro docu máis ou menos en marcha, e, para colmo, descubrín a situación explosiva que había naquel entón na Amazonía peruana. De súpeto, a cuestión indíxena e medioambiental era tan forte e tan apaixonante, que o demais quedou relegado."

Cun modesto investimento da Televisión de Galicia (que cubriu a rodaxe e a postprodución de son, e pouco máis) a directora embarcouse —xunto un sonidista peruano, o señor Abreu e un tradutor— nun periplo non exento de dificultades.
"Viaxar polo Alto Marañón é caro e complicado, hai só unha estrada en moi mal estado (a que aparece no documental) e logo están os ríos. Os ríos teñen días, digamos, pero as barquiñas sempre entrañan perigo. Énchenas demasiado e son fráxiles para esas correntes tan fortes. Navegar polos ríos é arriscado pero marabilloso, imaxina a beleza... Ás veces chove —ou diluvia— e hai que taparse con plásticos o corpo enteiro. Coma se as gotas de choiva che deran unha tunda e houbese que protexerse. Igualmente chegas esgotada ao porto, pero é así, parte do asunto."
Pero a comida, o frío/calor ou a necesidade de descansar nunha cama non foron os seus únicos problemas, pois debía encargarse da produción, de avanzar e modificar o guión, revisar as gravacións, cargar co equipo: "levábamos de todo: anti-mosquitos por litros, tendas e sacos, botas de auga, medicamentos específicos, comida, auga potable... e suma iso ao equipo de vídeo e son...", e ademais un ten que aprender a desenvolverse non só con tribos indíxenas (cuxa acollida do rodaxe do documental, neste caso, foi fantástica), senón con costumes e horarios que nada teñen que ver cós nosos; si é que existen:
"Producir nesa contorna sempre é complicado. Non existen horarios nin nada que se lle semelle. Dependes das improvisación propia e, sobre todo, allea. Porque non adoitan respectar os pequenos convenios da vida cotiá: quedamos con barqueiro ás 10 da mañá e aparece ás 6 da tarde para dicir que saiamos ao día seguinte. Hai que relaxarse e seguir aí, intentando, porque ao final conséguelo. Eu creo que resistín toda esa presión de traballo e responsabilidade porque estaba nun pouco en trance. Entre a beleza do lugar e a urxencia por contribuír a que siga existindo, estaba como nunha misión. E non podía fraquear."
É por iso que Cora, tanto cando a coñecín como na entrevista, fala da necesidade de contar cun bo produtor/a. A pesares de ser esta unha súa moi monopelícula, na que a voz en off en castelán do documental é a súa propia —pois quedou sen presuposto— ademais a súa montaxe, a súa dirección, o seu guión: "pero ter un produtor... que tesouro sería! (creo que escoito a todos os directores de documental de baixo presuposto suspirar comigo)."

"A voz indíxena debe ser escoitada"
A historia dos awajún é, tristemente, un tópico. Ou así permanece no noso in-consciente. Escoitamos que están a esquilmar a Amazonía, o pulmón do planeta, que están a acabar cunha cultura, que lles están a arrebatar as súas casas, a súa contorna, a súa forma de vida a uns indíxenas xíbaros; que a industria madeireira, a petrolífera e gasística están a destruír, contaminar  e minar un ecosistema de tremenda importancia, non só para os seus habitantes, senón para o resto do mundo... E sóanos a panxoliña de Greenpeace, a o delirio dun ecoloxista, a un ruído distante, coma cando nos falan do cambio climático, ou da caza de baleas.

Eu non os podo convencer da importancia de todo isto, pois, ao fin e ao cabo, eu non vivo na Amazonía, nin son un awajún. Pero por iso Cora fixo algo grandioso, que é traernos a voz indíxena, nun documental con testemuños de primeira man, implicados políticos, antropólogos, empresarios e veciños, que permiten ao espectador indentificarse coa historia, por moi lonxe que estea a ocorrer.

"Para min as satisfaccións deste proxecto foron de calquera natureza excepto económicas. Pero non me queixo, volveríao facer", confesa Cora. Tras a súa estrea, 'Apash, os de fóra', segue a aparecer de cando en cando nalgún festival; cos medios que están ao seu alcance, a súa directora segue a intentar difundilo para que o maior número de xente poida coñecer a historia dos awajún. Por iso un ano despois de coñecérmonos volvín falar con ela. Para que a coñezades, coñezades a súa historia e vexades o documental. Se estades en Santiago de Compostela, tedes unha cita o vindeiro xoves 14 de Marzo, no piso de abaixo do Kunsthalle (na Rúa da Conga, ao lado de Praza Quintana). Cora estará con nós, e veremos o documental a partires das 20.45. Vémonos alí.



2.05.2013

iThink Revolución Kunsthalle

Hai tempo que, os lectores máis perspicaces e asiduos, saben da miña vinculación co mundo da música nocturna coma pinchatunes-dejota residente no clube meco Twist & Shout. Outros, quizáis, tamén saiban que dun tempo a esta parte, se me relaciona con outros locais, desta vez composteláns, como o Kunsthalle, —onde entre outras cousas, tamén me poden atopar como english teacher cada martes, de 20.30 a 00.00 nos encontros de iThinkAboutEnglish—.

Carlos Montilla e David Barro, responsables do Kunsthalle, atenden ás televisións.

A razón desta entrada, para evitar rodeos, é a chamada 'Revolución' que deu comezo hoxe no devandito lugar de nome alemán. Unha taberna que se define na teoría e na praxis pola súa contemporaneidade, que pretende ser punto de encontro entre sinerxias de creación artística de diversa índole (ben sexa arte plástico, pictórico, culinario, performático, musical...), e que presenta este mes unha programación moi completa que inclúe concertos, encontros afterwork, foros disruptivos, entroido parties e maridaxes entre comida, música e creación artística.

Sashimi e tartar de xurelo maridados cun viño Ribeiro presidiron a rolda de prensa.

Os principais responsables desta revolución son David Barro e Carlos Montilla, ambos vinculados ao mundo da produción cultural, e Alén Tarrío, que se atopa ao mando dos fogóns. Na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá do día 5 de febreiro, puidemos contemplar os traballos capturados en vídeo realizados pola artista visual e performer Ana Gesto e a intervención nunha das paredes do Kunsthalle a cargo de Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970).

Almudena Fernández Fariña intervindo no espazo do Kunsthalle

iThink
É a "marca que trata de actuar globalmente dende o local a partir dun compromiso coa cultura e a sociedade e dun comportamento responsable". Este distintivo visibilízase a través de tres liñas de actuación que se retroalimentan: o espazo físico —Kunsthalle—, as redes sociais/Internet, e a terceira vía será proxectada na organización e na produción de eventos externos en diferentes cidades.

De esquerda a dereita: Almudena Fernández, Ana Gesto, Carlos Montilla e David Barro.
A máquinaria arrincará este mes co concerto do Ciclo Autorretratos, que organiza Desconcierto Cultural e que chega á súa terceira tempada con Kunsthalle como sede. Deste modo, o mércores día 6 será o turno de Ben & Bruno (Peter J. Brant), seguido o 19 de febreiro de Bird by Snow (Fletcher Tucker), mentres que pechará o 21 de marzo o ciclo coa banda Mist. O xoves 7 continuará unha exitosa proposta, a segunda das Nerd Nites (que comezou con esta taberna contemporánea como pioneira en España, en colaboración coa USC), ás 21 horas, e ao día seguinte —venres 8— promoveráse o primeiro Foro Disruptivo, onde profesionais de diferentes sectores culturais compartirán un encontro para promover a innovación no eido da cultura. O sábado 9 o protagonista será, como non, o entroido, cunha festa que xirará a redor do director de cine Quentin Tarantino, e das emblemáticas personaxes das dúas películas.

Os martes (teño que admitir que nisto imparcialidade hai pouca) a mellor forma de aprender inglés e coñecer xente, crear sinerxias e reconducir o karma, todo de balde, é asistir aos encontros de iThinkAboutEnglish, de 20.30 a 00.00. Alí estará Manu Tf (eu) de anfitrión, con debates, charlas e Quiz Time.

E que facer un xoves en Compostela? Pois o mellor é ir ata o Kunsthalle, onde eu (Manu Tf), outra vez, a partires do 14 de febreiro lles darei a mellor das acollidas nos encontros afterwork, no Piso 0. E para rematar este comezo revolucinario unha aposta musical moi interesante con Sethler o xoves 22, o alter-ego de Hugo Martín Cuervo, recoñecido no mundo da curtametraxe por ser o director máis novo nominado a un Goya.

Sen máis dilación, e esperando que a información lles resulte de interese (sen esquecer os agradecementos a Eliana pola claridade da súa nota de prensa), déixovos con 'Míranos' de Sethler.

 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...