O
Ministerio Federal de Asuntos do Movemento (BMfB) de Austria é o ministerio máis novo do país, e ata o momento o único da súa especie no mundo. Existe, na súa forma actual, dende xuño do 2009, e as súas responsabilidades esténdense ata a fundación, cultivo e apoio de todas as formas de movemento libre dos corpos no espazo.
Dende este organismo público, levan traballando cinco anos en diversos países arredor do mundo tratando de favorecer e impulsar a existencia dun discurso actualizado do corpo e da percepción no ámbito político.
Dentro desta xeira, a semana pasada aterraron en Santiago de Compostela tres dos seus representantes —
D. Meinhard Rauchensteiner, Delegado do BMfB e Conselleiro de Ciencia, Arte e Cultura do Presidente da República de Austria Don Heinz Fischer,
Amanda Piña, Delegada de Coreografía do BMfB, e
Daniel Zimmermann, Delegado de Cine e Artes Visuais do BMfB—, e participaron no programa internacional de artes vivas
De Corpo en Lugar, articulado arredor das propostas performativas do
BMfB, da chilena
Amanda Piña e de
thinging bodies, da artista turca
Ayşe Orhon; baixo a dirección e coordinación da creadora
Begoña Cuquejo e a crítica cultural Ania González, a colaboración do
Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), a
Xunta de Galicia, a
Axencia Galega de Industrias culturais (AGADIC), o
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a
Universidade de Santiago de Compostela (USC) amais da produción de
trasPediante Cultura.
 |
| Himno do BMfB coa participación dos seus delegados, persoal do CGAC e De Corpo en Lugar. | Horacio González © |
O venres 26 de setembro, ás 11:30, na Sala do Padroado do CGAC —e dentro do ánimo do BMfB por
fomentar novas formas de institucionalidade empoderando á cidadanía para que busque e tome as súas propias canles de acción en lugar de seren estas impostas—, asináronse as actas de fundación do
Instituto Galego da Praxe Actual (IGAPA), e posteriormente procedeuse á achega de
capital participando os alí presentes na realización do himno do BMfB, que, en coherencia coas súas premisas, toma como vía performativa, o movemento do corpo; non en van o lema do Ministerio reza
Bewegung ist unser Kapital, ou
O Movemento é o noso Capital.
De Corpo en Lugar
Coa performance "Thinging bodies" continuará mañá xoves 2 de outubro, no CGAC, o segundo e último ciclo De Corpo en Lugar, que reflexiona sobre á danza, a performance e os corpos no espazo museístico. No mesmo ciclo ás 18:00, terá lugar a Conferencia de Victoria Pérez Royo,
Teatralidade e corpos colectivos:
Xoves 2 de outubro
16:00-19:00 | Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon.
19:30 | Conferencia Teatralidade e corpo colectivos. Ensaios de corporalidade axente en escena, impartida por Victoria Pérez Royo.
21:00 | Performance thinging bodies da artista turca Ayşe Orhon.
Venres 3 de outubro
16:00-19:00 | Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon.
21:00 | Performance thinging bodies coa artista turca Ayşe Orhon.
Para máis información podedes consultar a web de
trasPediante.