4.04.2014

«Angrois: o AVE en anacos»

049 
«É sábado 21 de xullo. Quedan catro xornadas para o Día de Galicia e xusto tres meses para que o 21 de Outubro, Manuel Fraga, con 78 anos, obteña a súa última maioría absoluta nunhas eleccións autonómicas. Os comicios están aínda sen convocar, pero o PP está xa en precampaña. Toca colocar unha primeira pedra, de xeito que este 21 de xullo de 2001 se congregan nas aforas de Santiago, xunto ao presidente da Xunta, o presidente do Goberno, José María Aznar, o seu ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, e o conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña.  
Doce anos e tres días despois, na véspera doutro Día de Galicia, tamén as aforas de Santiago acollen o desembarco dos mesmos cargos (presidente do Goberno, ministra de Fomento, presidente da Xunta e conselleiro de Infraestruturas), aínda que ocupados xa por persoas distintas. Se en xullo de 2001 estaban de festa, doce anos e tres días despois están de loito. Contemplan o escenario dunha traxedia, o lugar no que morreron 79 persoas, o barrio santiagués de Angrois, nesa periferia urbana que as autoridades só adoitan visitar para inaugurar obras».

Deste modo comeza a crónica da traxedia ferroviaria que tinguiu de amarelo a maioría dos xornais españois e galegos, e de negro as fotografías dos perfís de moitos cidadáns que se solidarizaron coa morte de 79 persoas.

Cando ten lugar un accidente desta magnitude adoito arredar do seguimento informativo, xa que en lugar de manterse un ao día do que aconteceu, remata por ser testemuña dunha sucesión de datos non contrastados que alimentan o morbo e aumentan as visitas dos media on-line, e o share das principais canles de televisión.

Por iso, cando souben da publicación dunha crónica verbo do sucedido, considerei que era un momento prudente e oportuno para intentar saber algo máis do que aconteceu; tanto pola distancia temporal dende os autos, como por quen editaba o libro. Xa que logo, encarguei á editorial Meu&Book, unha copia de Angrois: o AVE en anacos, asinado polo xornalista David Reinero, e avalado por Praza Pública.

A lectura 
Sen aleivosía, hoxe, venres, subín nun tren de media distancia, e comecei a lectura do mesmo. Sempre leo nos traxectos longos, levaba a devandita publicación na carteira, e considerei que ler do descarrilamento, enriba das vías, non era excesivamente sádico.

Rematei o libro hai pouco, xunto antes de comezar a escribires este texto. Só quedan vinte e dous minutos para chegar á estación de Vigo, pois son as 21:26. E considero sen ambaxes, que para quen queira un relato cheo de adxectivos que fan referencia á horror da morte dos falecidos ou a fatalidade do accidente, dende unha visión tremendista e tabloidista, que non se moleste en mercalo. Se o que buscan é unha descrición honesta e fundamentada das diferentes partes implicadas na traxedia de Angrois, poden adquirilo cando queiran.
Fágome cargo de calquera insatisfación lectora do mesmo.

Para mercar este libro e outros dentro da edición podedes acceder a www.meubook.com.

















4.03.2014

Comochodigo.eu

048
As realidades ás veces desaparecen, pero non por seren destruidas, senón por mor da ocultación mediante a omisión da súa existencia. A finais do mes pasado entrou en marcha unha campaña pola visibilización do galego nos medios de comunicación. Para evitar, por exemplo, que nun país onde se falan dúas linguas, se traduzan declaracións ao castelán sen previo consentimento, e sen xustificación algunha. Hai quen defende que isto é debido a un intento por facer a lectura máis fluída, para que o lector non teña que cambiar mentalmente de rexitro ao ler unhas declaracións. Nada máis afastado da realidade, cando a maior parte do pobo galego é bilingüe, e é quen de mudar dun idioma a outro, numerosas veces e de forma inconsciente, durante unha mesma conversa.

Se estades a favor só tedes que entrar en www.comochodigo.eu e asinar. 


Poden prevaricar, pero non poden esconderse

047
En numerosas ocasións cando nos atopamos ou coñecemos situacións inxustas, e ante a impotencia de non poder interceder para cambialas aserveramos que ao final, unha especie de karma cósmico ou xustiza poética xulgará e repará os males cometidos. Como o sentimento cristiano que trata de xustificar o sufrimento na vida ca promesa dunha existencia mellor e aquelo de que "antes pasará un camelo polo ollo dunha agulla, que entrar un rico no ceo". Nestas ocasións a un gustaríalle ser crente e poder resistir con pasividade coas cargas que nos impoñen, como o dromedario que non se queixa das súas chepas. Lamentable ou afortunadamente, tal actitude existencial non cadra na miña concepción do que é (sobre)vivir. Por iso moitos vagamos entre o nihilismo construtivo e destrutivo e xogamos de vez en cando, como o faría un neno, nesta partida azarosa que é a vida.

Tocou o momento de amosar as cartas, e deixarnos de farois. Achantarse, tirar unha pedra e liscar, xa non é unha alternativa. Para romper co vicioso círculo no que circulan mentireiros, opresores e defraudadores da verdade, é necesario deixar de intentar recoller as moedas que lles sobran aos petos colmados dos poderosos. Tramas coma a Pokémon, son só a punta do iceberg. Poden prevaricar e exercer a súa escura influenza, pero grazas aos medios dos que dispoñemos, non poderán, xa nunca máis, esconderse. 

4.01.2014

O Creatorio: rede social da creación galega

046
Conversábamos hai cousa de dúas semanas, a través de Twitter, eu máis o director artístico do Museo Thyssen, Guillermo Solana. O diálogo iniciárase debido a unha pregunta que realicei durante o relatorio que fixo este Doutor en Filosofía, no Pazo de Fonseca de Compostela, o 18 de marzo, verbo do uso das redes sociais por parte dos museos, coa intención de conectar mellor co público e achegar as súas exposicións e coleccións ao pobo. A miña cuestión puxo o aceno, xa non na necesidade de pór na palestra aos museos, mais aos artistas. É dicir, como usar as redes sociais para axudar na visibilización do artista. Logo duns cantos tuits, e incapaz eu, por mor das restriccións do medio, de manter unha discusión seria sobre o asunto, a conversa rematou cunha suxestión do señor Solana: «Pues inventad algo, no?»


Autorretrato, Ricardart ©.
Non quixen contestar, pois tampouco el buscaba unha resposta. Pero hoxe lembreime desta conversa ao atopar (enviáronma polo Facebook) unha relativamente nova (2013) rede social ou plataforma de visibilización onde se quere agrupar a artistas, eventos e locais de creadorxs e creacións de Galicia. Se pertencedes a algún destes grupos aconséllovos que entredes en O Creatorio e vos rexistredes como tal. Polo momento a min xa me valeu para interesarme pola obra do ourensano —de nacemento— Ricardart (Ricardo González Iglesias) estudante de Belas Artes en Pontevedra, que ben pode formar parte diso ao que a linguaxe xornalística e política gostan de chamar novos valores ou artistas emerxentes. 


A demiurga
Interasado por quen ideou O Creatorio dei con Lúa Louro, que me explicaba vía email a súa procedencia e motivos de creación da devandita plataforma:

«Tras do Creatorio atópome eu, Lúa Louro, unha rapaza de 23 anos graduada en Belas Artes e cun Máster en Dirección de Arte Publicitaria. A idea de facer un lugar no que poder reunir e atopar a profesionais galegos de ámbitos dispares que traballasen coa creatividade a diario foise xestando nos meus pensamentos durante os anos de carreira. Decateime de que non era nada doado atopar a ilustradores, deseñadores, fotógrafos ou artesáns galegos sen ter que visitar milleiros de recunchos dixitais. E ese foi o principal motivo que me levou a facer o Creatorio, o directorio da Galicia creativa.»

Lúa Louro, a responsable de O Creatorio.

«A web fíxose pública en xuño de 2013, e dende entón ata o momento a resposta por parte dos visitantes é inmellorable. A xente amosa o seu apoio dende as redes sociais e axudan a mellorar a plataforma a diario, con suxerencias e críticas moi constructivas. Con mil ideas na cabeza e poucas mans para levalas a cabo, espero poder formar nun futuro un grupo de xestión moi comprometido co proxeto e que contribúa a levalo adiante.»

Se queredes coñecer algo máis sobre Lúa Louro e o seu proxecto podedes ir á entrevista que lle realizaron en Praza Pública.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...