2.25.2014

Fórum '14

013
Hoxe unha señora foi atendida polos sanitarios de emerxencias, no chan do ExpoCoruña. Ía bébeda e non se erguía. Atoparon a un can detrás do ropeiro e tivo que vir o de seguridade a detelo a pesar de que levaba posta unha acreditación de prensa.

Arzak petou o auditorio. Durmin pouco máis de quince horas nos últimos cinco días, e, por raro que pareza, agora dame mágoa rematar o Fórum Gastronómico. 

Nunca vira tanto hipster e señora de bisón nun mesmo recinto. A comida, atrae aos butres e hienas, mais tamén a leóns sen pelo nas costas, que pretenden dar gato por lebre. 

A boa xente da inteligentsia culinaria tamén se fixo ver. Eran o estandarte do contedor e os encargados de enchelo de contido. 

O único que lamento é ter escrito tampouco e tan lixeiro. É unha merma que pretendo remediar nestes días vindeiros, onde o traballo remunerado vai ser escaso. 

2.24.2014

Cui prodest? Eu, de seguro, non

                                                          012
Dicía Marx, se mal non recordo, que o traballo ha de ser "a realización do home nun plano ideal". Eu, que non fun nunca -ista de nada, e penso que nunca o serei de todo, considero dita sentenza tan afirmativa como inexecutable no actual sistema de economía de mercado capitalista.

Escribiría máis, pero por desgraza estou a traballar. No senso máis neoliberal. 

2.23.2014

Notas a unha inauguración: «Mato, lo suyo es puro teatro»

011
Apágase a música; ábrese o telón; aparece, granate, unha tarima enmoquetada de aspecto robusto e esquinas redondeadas. No centro, cálida, tínguese a alfombra de luz laranxa de artificio, mentres as actrices e os actores ocupan o seu lugar. "No os alineéis", berra o director, pero eles non atenden ás direccións. Xa non. Levan tanto tempo perpetrando o mesmo papel que esqueceron quitar a careta.

Do que si se lembran é de onde están, en La Coruña. E do que beben, Estrella Galicia. Propagandistas graduados na semántica nula do discurso político, son parte dunha selecta comparsa que non anda con bromas.

Da súa clase poucos son pero das súas decisións, aínda baleiras de responsabilidade social, dependen moitos.

Visten caro, e falan en millas náuticas. Viven para ser expostos en condicións óptimas, e intentan convencernos de que imos todos nun mesmo barco chamado Galicia.

Rematan as arengas.

Desaparece a moqueta. Desgárrana homes envoltos en pó marrón.

Desaparece a tarima, agora de cartón.

Volve soar a música.

La Lupe espétalle a Beatriz Mato.

«Teatro, lo suyo es puro teatro.»

Cérrase o telón.


2.22.2014

Xogos de cartas e a República de Platón

                                                          010
Pouco despois de chegar aos dezasete anos, cando estudaba primeiro de bacharelato e a ilusión por aprender era máis doada de reter, atendía ás primeiras  leccións de filosofía como se estivera ás portas da caverna de Platón, e a luz do sol fora tan intensa, que non me deixase abrir os ollos.

Tal foi a isolación que daquela, deume por tomar prestada a República na biblioteca do instituto. Ao final a min, que sempre me gustou ler por ser un acto íntimo, catártico ás veces, de interacción controlable e de emoción variable, custoume varios meses rematar aqueles diálogos encriptados do discípulo de Sócrates. Cada semana, Gerardo, profesor de lingua española e encargado dos empréstimos da biblioteca, recordábame (cada vez con menos vontade) que devolvese o libro, que xa me pasara o prazo. Eu, algunha vez lle dicía que si, que xa... Outras simplemente respondía que ninguén sensato iría coller o libro, e que para iso, para estar no estante, xa o tiña eu na casa.

Contento, ás veces ocurríaseme pensar nunha ringleira de estudantes adolescentes de pé, perante a sala de lectura por antonomasia, desacougados por ler o clásico do filósofo grego. Entón eu teríao que ir devolver, mentres todos me rifaban por ser un egoísta. Por querer a Platón para min só. 

Por sorte ou por desgracia, é, e era máis probable que a ringleira non fora buscar coñecemento a ningures, e que aqueles rapaces so estiveran alí para se mofaren do estraño insensato que en lugar de xogar ao fútbol e ler o Marca, xogaba ás cartas e lía a Platón.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...