11.21.2014

Os hikikomori, xa están aquí

Hiasuki, un hikikomori xaponés fotografado en 2.004.

Non se trata dunha nova moda, nin dunha nova droga, nin dunha nova rede social, nin dunha nova aplicación para o smartphone, é unha enfermidade, e xa chegou á España.
Os hikikomori (literalmente, apartarse ou estar recluído) non son unha novidade, non polo menos en Xapón, pois deles xa coñecíamos noticias hai unha década. A novidade radica no diagnóstico de 200 pacientes en Barcelona, afectados desta síndrome, entre o 2.008 e o 2.013. 

O doutor nipón, precursor no estudo desta patoloxía, foi Tamaki Saito, que aparece definida deste modo na Wikipedia: 
«Mentres que algunhas persoas senten presión por parte do mundo exterior, e padecen agorafobia, un hikikomori reacciona cun completo illamento social para evitar toda a presión exterior. Poden encerrarse nos seus dormitorios ou calquera outra habitación da casa dos seus pais durante períodos de tempo prolongados, de incluso anos. 
Normalmente non teñen ningún amigo, e na súa maioría, dormen durante o día, e ven a televisión ou xogan con videoxogos durante a noite. Todo isto fai deles un caso extremo de "solteiros parasitos" (expresión xaponesa para nomear a aqueles que viven das sopas instantáneas, vivindo na casa de seus pais por comodidade).  
A maioría dos hikikomori manteñen contacto co mundo exterior só polo ordenador, a televisión e os videoxogos en liña, aínda que, en casos extremos, o hikikomori pode pecharse incluso a isto, e permanecer horas e horas na mesma posición, coa vista nun punto fixo, vivindo da súa imaxinación.»

En Xapón, como norma xeral, exércese unha gran presión sobre os mozos e mozos durante toda a súa vida académica, e posteriormente na laboral. O fracaso non é unha opción, e outórgaselle gran importancia ao sacrificio persoal, e á conservación do honor. É normal que un rapaz ou rapaza remate os seus estudos e vaia buscar traballo á gran cidade (sexa Kioto, Tokio...) e alugue un piso diminuto que nin conta con baño, na súa procura dun posto laboral. Volver á casa dos seus pais sen ter atopado nada, é decepcionante, e en certas familias inaceptable.

Así mo contaba Minako Takahashi, a miña mestra de xaponés na universidade, quen por aquel nos axudaba a coñecer un pouco máis da sociedade na que nacera a través das súas historias particulares e novas do país nipón, como os famosos hoteis cápsula, onde fan noite moitos executivos que non teñen tempo suficiente para ires á súas casas e volver ao traballo ao día seguinte.

Individualismo, capitalismo, introversión, consumismo, rapidez, estrés, incomprensión, falta de contacto coa realidade, os novos medios de comunicación e relación social, e unha constante necesidade de chegar ao máis alto: son os ingredientes precisos para dar pulo á síndrome dos solteiros e solteiras parasito, e dos que dispoñemos no noso país; por iso non é de estrañar que os hikikomori xa estean aquí.


11.18.2014

Co cambio de tendencia

Cos cambios de tendencia non debería ela preocuparse polo que lle din catro mulleres sen paixón; sen alma.

Cos cambios de tendencia, cada vez máis curtos, máis rápidos, máis volubles, máis líquidos, non debería ninguén tratar de acompañar o cambio.

Cos cambios de tendencia resulta fútil estar á última.

A última agora, será a vella despois.

278

11.17.2014

Dos seus pés mollados

En terra húmida, de traballos que arden.
En terra húmida, de cabalos que parten.
En terra húmida, de lixos que nacen.

Dos seus pés mollados naceron cabalos aos que lle ardían as patas.
Dos seus pés mollados quixeron coller o que ninguén quería.
Dos seus pés mollados o lixo naceu e partiu sen dicir onde.

Tres teus ollos secos.
Tres teus ollos secos.
Tres.
277

11.16.2014

As verdades do éxodo xitano

Juan José Cortés | Fonte: El Pais
Juan José Cortés, padre coraje, estará esta semana en Galicia.

A súa visita, en calidade de presidente da Asamblea Nacional Gitana, ven motivada polo éxodo de aproximadamente 370 persoas de raza xitana, chamados os zamoranos, dos concellos de Tui e Porriño. A súa marcha, que se iniciou hai unha semana, ten motivos oficiais, e oficiosos; Juan José Cortés terá que actuar como mediador, para intentar que as familias exiliadas volvan a Galicia, onde algunhas levaban vivindo corenta nos.

Por sorte ou infortunio, este tipo de historias xamais son doadas de contar, pero imos a intentalo:

Segundo os que presuntamente provocaron o éxodo dos zamoranos —por exemplo o fillo do rei dos xitanos e presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes Ambulantes de Galicia, Sinaí Giménez—, case catrocentas persoas volveron a Castilla, influenciadas e/ou en solidariedade cos catro pastores evanxélicos que foron desterrados, ao negarse a colaborar coa familia real xitana, liderada polo seu rei, Olegario Giménez Salazar "Morón", que quería reabrir en Tui, un mercado dominical situado na fronteira con Portugal.

Segundo os afectados —os xitanos zamoranos—, a diáspora produciuse debido a que, como afirma unha fonte anónima en La Voz de Galicia, estaban cansos da escravitude á que os tiñan sometidos os xitanos galegos, que xa vivían na zona antes da chegada dos xitanos castellanos. Con escravitude refírense, entre outras cousas, ao feito de que os obriguen a formar parte dunha «cooperativa» sui generis e ad hoc, pola que ao parecer deben pagar unha taxa ao rei, amais de cumprir cos pagos ao concello.

Se ben, as tensións entre ambas comunidades existen dende hai décadas, a gota que rebordou o vaso, foi —sempre, presuntamente—, a orde de facer folga no mercado dos xoves, para conseguir que o concello accedese a re-abrir o dos domingos; unha demanda que os zamoranos rexeitaron cumprir debido as súas xa precarias situacións económicas.

Para resolver esta situación, e quizais esclarecer os motivos do éxodo xitano, mediará Juan José Cortés —coñecido como por ser o pai de Mari Luz, a nena asasinada en 2008 polo pederasta Santiago del Valle—, quen xa realizou este papel de pacificador en ocasións anteriores, como na vila sevillana de Estepa (se ben nesta ocasión o problema era entre, payos e xitanos), é que ademáis é pastor evanxelista, ao igual que os desterrados.

Un conflito complicado, dentro dunha comunidade que dispón das súas propias leis e xerarquía, e do que intentaremos saber un pouco máis, mañá, no Boas Tardes, o programa da tarde da Televisión de Galicia, onde traballo na actualidade, e onde trataremos esta problemática.

276


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...